A primeira tese con Mención Internacional do Programa de Doutoramento en RRLL e RRHH deféndese no Campus de Ferrol

A investigación de Ignacio Picatoste Novo analiza a relación entre a fiscalidade, a informalidade laboral e a sustentablidade social do traballo tomando como referencia o sector marítimo galego.

Asunción López Arranz e Ignacio Picatoste Novo, uns instres antes de que dese comezo a defensa da tese na Aula Magna da Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol.

A Aula Magna da Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol acolleu, este xoves 30 de xullo, a defensa da tese doutoral de Ignacio Picatoste Novo, titulada “Fiscalidade, informalidade laboral e sustentabilidade social do traballo. Unha aproximación xurídico-económica desde o sector marítimo” e dirixida pola profesora Asunción López Arranz. O traballo obtivo unha cualificación de Sobresaínte e, nos vindeiros días, coñecerase se consegue tamén a distinción “Cum Laude”.

Esta investigación vén de converterse na segunda tese defendida no marco do Programa de Doutoramento en Relacións Laborais e Recursos Humanos e na primeira en obter a Mención de “Doutoramento Internacional”, un recoñecemento que acredita a súa proxección exterior grazas á realización de estadías de investigación en centros estranxeiros – unha no Center of Fundamental and Applied Economic Studies (CESFA) de Romanía e outra no Instituto Superior de Contabilidade e Administração do Porto (ISCAP) -, á redacción dunha parte da tese en inglés, así como a participación da profesora da University Of Oxford, Rebecca Rose Nocella como integrante do tribunal avaliador.

Ao longo da tese, Ignacio Picatoste Novo analiza a relación entre a fiscalidade, a informalidade laboral e a sustentabilidade social do traballo desde un enfoque interdisciplinar que integra os eidos do Dereito e da Economía, tomando o sector marítimo galego como ámbito de aplicación.

A investigación parte da premisa de que a sustentabilidade no emprego non pode limitarse ao crecemento económico, á innovación tecnolóxica ou á protección ambiental, senón que debe incorporar tamén o traballo decente, a protección social efectiva, a formalización do emprego e o fortalecemento das institucións.

Para abordar este asunto, a investigación combina unha revisión crítica da literatura científica, unha análise xurídica e económica da normativa, unha análise documental do sector marítimo e o desenvolvemento dun modelo de simulación que relaciona a fiscalidade, a informalidade laboral, o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) Número 8 – centrado no Traballo Decente e no Crecemento Económico- e a economía circular.

Lea también

Una alumna del Campus Industrial de Ferrol analiza las oportunidades y barreras del emprendimiento juvenil en la industria de la moda en Galicia

Obtener una visión integral sobre las oportunidades y las barreras del emprendimiento juvenil en la …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *