Os beneficiarios desta IV convocatoria realizarán prácticas, entre os meses de xullo e setembro, no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC).

Eduardo Manuel Rama Ferradás (A Coruña, 2002) e Daniel Alejandro Valdenegro (Houston – Estados Unidos, 1995), estudantes do máster en Enxeñaría Industrial e do máster en Fabricación Aditiva, respectivamente, son os beneficiarios das dúas bolsas de verán convocadas polo Campus Industrial de Ferrol para este curso 2025/26.
Os dous alumnos da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña (UDC), seleccionados nesta cuarta edición da convocatoria, realizarán un total de 200 horas de prácticas no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.
No Laboratorio de Análise Estrutural (LAE), Eduardo Manuel Rama Ferradás está a desenvolver unha investigación das metodoloxías de deseño de estruturas metálicas orientadas á resolución do carbono embebido ao longo do seu ciclo de vida.
Baixo a supervisión da investigadora Ruth María Gutiérrez Fernández, o alumno do máster en Enxeñaría Industrial analiza solucións construtivas desmontables que favorezan a reutilización dos elementos estruturais e contribúan a unha maior sustentablidade no sector da construción.
Pola súa banda, Daniel Alejandro Valdenegro participa nun proxecto relacionado coa fabricación de modelos a escala para o Canal de Ensaios Hidrodinámicos mediante impresión 3D. Titorizado pola investigadora do Grupo Integrado de Enxeñaría, Lucía Santiago Caamaño, o estudante do máster en Fabricación Aditiva está a realizar unha análise experimental sobre a influencia do acabado superficial dos modelos impresos na caracterización do amortecemento do balanceo do buque. O seu traballo pretende identificar os parámetros óptimos para reducir o post-procesado ao mínimo.
A IV convocatoria das Bolsas de Verán do Campus Industrial de Ferrol estivo dirixida ao alumnado matriculado no último curso de grao ou de máster de calquera das titulacións do campus. O seu obxectivo é o de facilitar a incorporación do estudantado á actividade diaria dos grupos e do persoal investigador que traballan nos eidos da robótica industrial, dos materiais, da optimización de procesos industriais, da enxeñaría naval e offshore, da xestión industrial ou do desenvolvemento de produto.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.