Achada unha peza de posible orixe grega, na campaña arqueolóxica no Castro de Esmelle

A escavación, impulsada polo Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña (UDC) a través da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, tamén sacou á luz fragmentos dunha vasilla con decoración sogueada, moi característica da cultura castrexa. A campaña, na que participan preto de 20 persoas, continuará durante o mes de agosto con labores de restauración, consolidación e documentación do xacemento.

Nesta cuarta campaña arqueolóxica do Castro de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro, están a aparecer numerosos materiais arqueolóxicos, especialmente cerámicos. Con todo, hai un que chama especialmente a atención, unha pequena peza dun centímetro de diámetro pertencente a un colar de concas de vidro bañado en ouro que, segundo as primeiras pescudas, podería ser orixinario da Illa de Rodas, en Grecia.

Pero este non é o único achado relevante, hai tan só un par de días, o equipo de escavación atopaba varios fragmentos pertencentes a unha mesma vasilla decorada con motivos sogueados, un elemento característico da cultura castrexa.

Os traballos de escavación recibiron recibiron a visita institucional do alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, e da delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros Barros. Tamén se sumaron á visita a concelleira de Turismo e Patrimonio Histórico, Maica García Fraga; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons Formoso, o director territorial de cultura da provincia da Coruña, Severino Álvarez, así como o presidente da Fundación L. Monteagudo, Alfredo Eiras Martínez; e o seu secretario, Santiago Vázquez Collazo.

Durante o percorrido, guiado polo director científico da campaña e profesor de Historia Antiga da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC), Juan Luis Montero Fenollós, e máis polo director técnico e investigador do Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez, a comitiva puido coñecer de primeira man os últimos descubrimentos e os avances realizados durante a escavación.

O alcalde destacou que “campaña tras campaña, o castro de Esmelle está a converterse nun referente non só a nivel local, senón tamén no ámbito da investigación arqueolóxica en Galicia. Os achados que aquí se están a realizar axudan a reconstruír a nosa historia e a comprender mellor como vivían as comunidades que habitaron estas terras hai séculos”. Este proxecto é posible grazas á colaboración entre institucións. “Desde o Concello de Ferrol respaldámolo mediante un convenio que se prolongará durante catro anos máis, permitindo así dar continuidade aos traballos”. Máis aló do ámbito académico, o rexedor lembrou que estas escavacións “son tamén unha ferramenta clave para fomentar o turismo cultural”.

Na súa intervención, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, quixo destacar o valor formativo dun proxecto que lle ofrece ao estudantado a oportunidade de participar nunha escavación arqueolóxica de primeiro nivel, “adquirindo experiencia práctica e traballando en contacto directo co patrimonio cultural”. Aproveitou tamén para agradecer a colaboración das administracións, entidades e persoas que fan posible este proxecto, así como o interese dos veciños e veciñas da cidade e da comarca no mesmo.

Pola súa banda, o director científico desta cuarta campaña arqueolóxica e director tamén da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, Juan Luis Montero Fenollós, explicou que os traballos que se están a desenvolver no Castro de Esmelle permiten coñecer “cada vez mellor” a complexidade da sociedade castrexa: o seu modo de vida, o urbanismo, a cultura material, as relacións comerciais e, en definitiva, a organización dunha comunidade que segue ofrecendo información de gran valor científico e patrimonial. “Cada nova campaña confirma o enorme potencial arqueolóxico deste xacemento”, concluíu.

NOVOS SECTORES DE INTERVENCIÓN

A campaña, iniciada o pasado 13 de xullo, continúa ampliando o coñecemento dun castro da Idade de Ferrol cunha superficie estimada de 20.000 metros cadrados e tres aneis defensivos. Nas campañas anteriores descubriuse unha rúa pavimentada na que a día de hoxe se segue a traballar, situada na entrada principal do asentamento, un edificio alongado e un torreón defensivo.

Nesta cuarta escavación arqueolóxica abríronse tres novos sectores de intervención: un centrado no acceso ao castro, outro xunto ao gran edificio colectivo e un terceiro na croa, ao carón do primeiro recinto amurallado escavado. A campaña continuará durante o mes de agosto cos traballos de restauración e consolidación de varios dos edificios descubertos, así como coa elaboración dun plano topográfico de alta precisión de todo o xacemento.

EQUIPO DE TRABALLO

Juan Luis Montero Fenollós e Samuel Nión Álvarez, director científico e director técnico, respectivamente, están a liderar un equipo de traballo integrado por preto de 20 persoas,  formado maioritariamente por estudantado universitario, persoas recentemente tituladas, así como persoal investigador vinculado á Universidade da Coruña (UDC), á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e á Universidad Complutense de Madrid (UCM).

Un ano máis, a campaña arqueolóxica está impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol, a través da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial. A maiores, a intervención conta, por segundo ano consecutivo, co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude.

‘ABERTO POR ESCAVACIÓN’, VISITAS GUIADAS GRATUÍTAS

A proposta divulgativa “Aberto por Escavación” ten programadas visitas guiadas ao Castro de Esmelle este xoves 30, ás 11:00 e ás 16:00 horas, e o venres 31 de xullo, as 11:00 horas. O punto de encontro será o local da Asociación de Veciñal Val de Esmelle. Ao longo do último ano, o xacemento recibiu arredor de 1.400 visitas. Desde o pasado mes de febreiro, as visitas son guiadas pola especialista Lucía Brage grazas ao convenio de colaboración asinado entre a Universidade da Coruña (UDC) e a Fundación Luis Monteagudo.

Lea también

El desprendimiento de un balcón provoca en Ferrol el corte de tráfico de un tramo de la calle Iglesia

  En la mañana de este jueves 13 de agosto, el desprendimiento de parte de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *