A pista polideportiva de Pedroso acollerá en Narón a III Feira de Exaltación do Porco ao Espeto

O Concello de Narón e a Asociación Veciñal A Pombiña organizan para o vindeiro 22 de agosto  unha nova edición desta cita gastronómica, que combinará degustacións, música e ambiente festivo.

Mar Gómez, presentando esta edición acompañada por José Romero, Mercedes Fidalgo, e outros integrantes da Asociación Veciñal A Pombiña | Concello de Narón

A pista polideportiva de Pedroso converterase o vindeiro 22 de agosto no epicentro da gastronomía e da convivencia coa celebración da III Feira de Exaltación do Porco ao Espeto, organizada polo Concello de Narón en colaboración coa Asociación Veciñal A Pombiña. A concelleira de Feiras, Mar Gómez, presentou esta nova edición acompañada polo presidente da entidade veciñal, José Romero, a vicepresidenta, Mercedes Fidalgo, e outros integrantes da recentemente renovada directiva da asociación.

A xornada arrancará ao mediodía cunha sesión vermú amenizada con música, durante a que se repartirán petiscos de balde entre as persoas asistentes. Entre as 18:00 e as 22:00 horas haberá festa infantil con inchables. Xa pola noite, a partir das 21:00 horas, terá lugar a cea popular, na que o porco ao espeto volverá ser o prato estrela. O menú incluirá tamén churrasco, chourizos, patacas, pan, bebida, sobremesa e café. A celebración continuará despois da cea coa actuación musical de Tania.

Os tickets para participar na cea poderán adquirirse a partir de mañá, 1 de agosto, na cantina da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña. O prezo será de 18 euros para as persoas socias, 25 euros para as non socias e 12 euros para os nenos e nenas maiores de 12 anos, mentres que os menores desa idade poderán asistir de balde. A organización porá á venda un total de 400 tickets, que tamén estarán dispoñibles o propio día da festa sempre que non se esgoten con anterioridade.

Desde o Concello e a Asociación Veciñal A Pombiña animaron á cidadanía a participar nesta cita, aberta tanto ás veciñas e veciños de Pedroso como ao resto da comarca, coa finalidade de compartir unha xornada de gastronomía, música e convivencia.

A edil aproveitou tamén o acto para felicitar á nova directiva da asociación, á que desexou «moita sorte nesta nova etapa», e destacou o compromiso da entidade veciñal coa organización desta iniciativa, animando aos seus integrantes a continuar traballando con ilusión para dinamizar a vida social e cultural da parroquia e impulsar novas actividades para a veciñanza.

Lea también

“Un Alento de Vida” convida á veciñanza de Narón a doar sangue este verán

O municipio coruñés acadou no 2025 un total de 840 doazóns de sangue. O concello …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *