O PSOE de Ferrol denuncia que a cidade perde financiamento pola desidia do goberno local

O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denunciou «a ausencia dunha estratexia por parte do goberno local para aproveitar as oportunidades que ofrece o Instituto para a Transición Xusta, un organismo que está a mobilizar importantes recursos públicos para impulsar a reindustrialización, a innovación e a creación de emprego nos territorios afectados polo peche das centrais térmicas».

Os socialistas lembran que Ferrol forma parte do ámbito do Convenio de Transición Xusta das Pontes grazas ao traballo desenvolvido polo anterior goberno municipal socialista, que defendeu ante o Goberno de España a incorporación da cidade a este instrumento estratéxico para que puidese acceder ás convocatorias específicas do Instituto para a Transición Xusta. «Aquel foi un paso decisivo para o futuro de Ferrol. Conseguimos que a cidade estivese onde tiña que estar: dentro do Convenio de Transición Xusta e con acceso a unhas liñas de financiamento extraordinarias. O que falta agora é un goberno capaz de aproveitar esa oportunidade», afirmou Ángel Mato.

O Grupo Municipal lembra que o principal proxecto municipal financiado ata o momento polo Instituto para a Transición Xusta é a rehabilitación do Castelo de San Felipe, unha actuación cuxa candidatura foi preparada e impulsada durante o anterior mandato socialista, conseguindo preto dun millón de euros de financiamento estatal. Con todo, ese proxecto acumula graves atrasos que incluso chegaron a poñer en risco o seu financiamento. Para o PSOE, Ferrol reúne todas as condicións para converterse nun dos grandes polos industriais da transición enerxética.  Con todo, en máis de tres anos despois do cambio de goberno, o executivo local non presentou nin un só novo proxecto ao abeiro da Transición Xusta.

Os socialistas consideran especialmente preocupante que, mentres outros municipios aproveitan estes fondos para desenvolver novos centros tecnolóxicos, recuperar patrimonio industrial, atraer empresas e crear emprego, Ferrol careza dunha planificación pública que lle permita competir por estes recursos. O PSOE reclama a elaboración urxente dun Plan Municipal de Captación de Fondos da Transición Xusta, así como a publicación dun balance dos proxectos presentados, das axudas obtidas e das iniciativas previstas para as próximas convocatorias.

«Ferrol non pode resignarse a ver pasar esta oportunidade histórica. O anterior goberno conseguiu que Ferrol estivese dentro do Convenio de Transición Xusta e deixou preparado o principal proxecto financiado polo Instituto. Agora tócalle ao goberno de Rey Varela demostrar que ten ambición e un proxecto de cidade. Ata o de agora, o único que vimos foi falta de iniciativa e ausencia de liderado», concluíu Ángel Mato.

Lea también

Achada unha peza de posible orixe grega, na campaña arqueolóxica no Castro de Esmelle

A escavación, impulsada polo Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña (UDC) a través …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *