Os efectivos do SPIF desprazados aos incendios de Castela e León regresan a Galicia

O risco de lumes en Galicia cambiou, polo que cómpre ter todo o dispositivo despregado sobre o terreo e en estado de máxima alerta.

SPIF Avila | xunta de galicia

Os efectivos do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Xunta desprazados a Castela e León e Madrid para colaborar nas tarefas de extinción dos lumes regresan hoxe a Galicia. En total, foron preto de 80 profesionais os que integraron o dispositivo galego, que se despregou polo territorio en varias quendas de traballo.

O cambio nas condicións do risco de lumes en Galicia de cara aos próximos días motivou o regreso destes efectivos, xa que nas actuais circunstancias cómpre ter todo o dispositivo despregado sobre o terreo e en estado de máxima alerta.

Co envío destes grupos, Galicia respondeu á petición trasladada desde ambas comunidades autónomas para cooperar na loita contra os incendios. Fíxose tras a oportuna avaliación técnica, por parte do equipo da Consellería do Medio Rural, sobre a situación actual en Galicia.

O dispositivo galego en León estivo integrado por arredor dunha trintena de profesionais, que actuaron a partir do pasado xoves en dúas quendas de traballo, producíndose un relevo, e que estiveron apoiados por 1 bulldozer, 1 motobomba e 1 helicóptero. En canto ao persoal enviado o venres tras a petición do Goberno central para apoiar os incendios de Ávila e Madrid, o mando único derivounos a dar apoio en Ávila, onde traballaron 2 helicópteros, 6 brigadas, 4 axentes, 1 técnico, 1 bulldozer e 1 posto de mando. En total, medio cento de efectivos.

Solidariedade de Galicia
A aportación galega realizouse no contexto da declaración de Emerxencia de Interese Nacional realizada polo Goberno de España. Deste xeito, Galicia amosou unha vez máis a súa solidariedade e respondeu ás necesidades doutras comunidades autónomas prestando o seu apoio, sempre garantido o correcto funcionamento do operativo galego contra os incendios, que se mantén en garda, como corresponde á actual tempada de alto risco de incendios.

Hai que lembrar, nesta liña, que grupos de profesionais galegos desprazáronse anteriormente en diversas ocasións fóra de Galicia, tanto a outras comunidades autónomas como a Portugal (no ano 2017), co fin de colaborar nas tarefas de extinción dos incendios forestais.

Lea también

Preto de 400 deportistas participan no «Trishark Narón» esta fin de semana

Narón convértese esta fin de semana na capital do tríatlon coa celebración do Trishark Narón …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *