Preto de 400 deportistas participan no «Trishark Narón» esta fin de semana

Narón convértese esta fin de semana na capital do tríatlon coa celebración do Trishark Narón 2026.
 
 
O Concello de Narón presentou unha nova edición do Trishark Narón 2026, unha cita xa consolidada no calendario do tríatlon galego e nacional que reunirá durante esta fin de semana ao redor de 400 deportistas entre as diferentes competicións programadas.
 
O evento, organizado polo Concello de Narón xunto coa Agrupación Deportiva Náutico de Narón, e coa colaboración da Federación Galega de Tríatlon (Fegatri), desenvolverase na contorna do paseo marítimo de Xuvia cun programa dirixido tanto ao deporte de alto nivel como á promoción deportiva e á participación popular.
 
Horario do venres
A programación comezará o venres coa celebración do Campionato Xunta de Galicia de Acuatlón para categorías menores, unha competición que nesta edición reunirá preto de 200 participantes das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e júnior.
 
 
 
O acuatlón combina as disciplinas de natación e carreira a pé, adaptando as distancias á idade das persoas participantes, e está aberto tanto a deportistas federados como non federados. As inscricións e toda a información da proba poden consultarse na páxina web da Federación Galega de Tríatlon.
 
Horario do sábado
Xa na tarde do sábado, o Trishark abrirase aos máis pequenos cunha carreira de promoción gratuíta, destinada a nenas e nenos nacidos entre os anos 2016 e 2024, unha actividade pensada para fomentar a práctica deportiva e achegar o tríatlon ás novas xeracións. A organización mantén aberto o prazo de inscrición para esta proba, proba que está avalada pola fundación The Phoenix Kids by Javi Gómez.
 
A continuación disputarase a competición principal da fin de semana, que volverá reunir preto de 200 triatletas procedentes de Galicia e doutras comunidades autónomas.
 
O programa incluirá unha proba popular de distancia sprint, aberta tamén a deportistas non federados, e como principal novidade desta edición celebrarase unha proba de remudas, na que cada integrante do equipo realizará unha das disciplinas do tríatlon.
 
Ata o momento está confirmada a presenza dos principais clubs galegos e tamén de equipos chegados de diferentes puntos de España, entre eles o CT Bahía de Málaga, Tritones de La Rioja, Triatlón Ciclista Oscense, CD GaloSport (Almería), Bierzo Triman, Marlins de Madrid, Triatlón Guadiato (Córdoba); CT Laguna de Duero (Valladolid) e Triatlón Tetuán de Madrid, o que evidencia o crecente prestixio que o Trishark Narón foi adquirindo nos últimos anos.
 
No apartado individual destaca a participación de dous dos grandes referentes nacionais da media distancia, Nacho Gálvez, do Delikia, e Xandre Álvarez, do Club Triatlón Ourense, actual campión e subcampión de España de media distancia, respectivamente. Na representación local competirán tamén as naronesas Sara Guerrero, María Alzaga e Irene Redondo, chamadas a ser algunhas das protagonistas da competición.
 
Desde o Concello, o edil de Deportes, Ibán Santalla, destacou que o Trishark Narón continúa medrando edición tras edición, combinando competición do máis alto nivel coa promoción do deporte base e coa participación popular. O evento supón, ademais, un importante impacto para a cidade, atraendo centos de deportistas, acompañantes e visitantes durante toda a fin de semana.

Lea también

Dani Ojeda, experiencia contrastada para el ataque del Racing

M.V. El extremo canario procedente de la SD Huesca se suma a la ofensiva del …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *