As Pontes celebra o aniversario do seu lago cunha nova edición do ‘Mar de Lecer’

O Concello das Pontes celebrará o vindeiro 7 de agosto unha nova edición do Mar de Lecer, un evento cultural e lúdico organizado polo departamento de Cultura para conmemorar un novo aniversario do lago das Pontes, símbolo da transformación ambiental e do compromiso coa sustentabilidade.

Mar de Lecer 2025 | Concello das Pontes

A programación está deseñada para ofrecer unha tarde-noite de lecer para todos os públicos, cunha variada proposta de espectáculos de rúa, música en directo e animación, que converterán a contorna do lago nun gran espazo de encontro e celebración.

A festa dará comezo ás 18:00 horas coa actuación de Fredy Circanelo, que achegará ao público un espectáculo de circo contemporáneo e teatro de rúa no que o humor, os malabares, os equilibrios e a interacción co público serán os grandes protagonistas. Unha proposta familiar, participativa e chea de dinamismo pensada para sorprender a persoas de todas as idades.

Ás 20:00 horas, Troula Animación presentará Psicodelia, un espectacular pasarrúas inspirado na estética psicodélica, no que a cor, a música e a fantasía invadirán o lago. Personaxes de gran formato, zancudos, marionetas xigantes, efectos especiais, pompas, confeti e unha coidada ambientación visual converterán o espazo nun universo imaxinario, convidando ao público a formar parte dunha experiencia inmersiva e festiva.

A música tomará o relevo ás 21:30 horas coa actuación de Galifunk Brass, que chega ás Pontes coa súa Xira 26. A formación galega ofrece un directo cheo de forza e enerxía, no que mestura a potencia das brass bands cos ritmos do funk, o rock, o ska, o jazz e outros estilos actuais.

Ás 23:00 horas, o lago volverá ser o escenario dun espectáculo pirotécnico, un dos momentos máis agardados da xornada, que iluminará o ceo das Pontes e servirá para conmemorar un novo aniversario deste espazo natural convertido nun referente da recuperación ambiental.

A celebración rematará a partir das 23:15 horas coa sesión de DJ Chiña, que será a encargada de poñer o broche final á noite cunha proposta musical dinámica e festiva, combinando temas actuais e éxitos de diferentes estilos para manter o ambiente e convidar ao público a despedir a xornada bailando.

Desde o Concello das Pontes anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta celebración, que combina natureza, cultura e diversión nunha das contornas máis singulares de Galicia e que volverá converter o lago nun punto de encontro para desfrutar dunha noite de verán en familia.

Lea también

Ares acoge este sábado 12 una jornada de degustación de productos de la ría de Ferrol

La atividad, organizada por la Cofradía de Pescadores de Ferrol, tendrá lugar de 12:00 a …