Pablo J. Rañales presenta Espigas queimadas en Mugardos

O escritor e xornalista Pablo J. Rañales (Mugardos, 1999) regresa o vindeiro xoves 30 de xullo, á súa vila natal para presentar oficialmente Espigas queimadas, a súa cuarta novela e a máis recente novidade literaria de Calacán Editora.

O encontro desenvolverase a partir das 19:30 horas no Honolulu 15620, no Cantón de Cora, cunha proposta ao aire libre que mesturará a presentación literaria con música en directo e que se materializa grazas á coordinación e colaboración do propio local Honolulu, a asociación Apelón Educación e a libraría As Lendas do Gato.

Acompañando ao autor estará Ángel M. Rañales, profesor na University of South Carolina Aiken, nunha conversa arredor das características da obra e do proceso creativo que hai detrás dela. A presentación contará ademais coa participación do músico Pablo Rega, que interpretará varios extractos da novela, construíndo un diálogo entre literatura e experimentación sonora.

Será a primeira parada de Rañales no ciclo de presentacións de Espigas queimadas, a súa incursión no terror psicolóxico cunha historia ambientada nas profundidades dos Ancares, no concello de Cervantes, e que afonda no horror detrás dos bucles afectivos: os círculos viciosos das relacións sociais e amorosas, esas dinámicas das que un non sabe como saír.

Serán Rafael e Alba os protagonistas desta novela, atrapados nun tempo que se dobra sobre si mesmo e onde deberán revivir, enxaulados na habitación dunha casa rural, as fendas da súa relación de parella: o desexo murcho, a culpa, os resentimentos. Todo ao compás dunha forza perversa que organiza o horror e o repite para quebralos.

“Se a ciencia ficción é unha ferramenta para pensar o futuro, para imaxinar horizontes e camiñar cara a eles, o terror incide nos medos colectivos: no que tememos, no que nos dana como sociedade”, explica Rañales arredor da mudanza de xénero que supón esta nova obra. “Por iso Espigas queimadas tamén reflexiona arredor do sistema, de como impacta no que somos, nos nosos corpos e mentes, e nos vínculos que construímos”.

A publicación continúa, ademais, unha das liñas presentes na traxectoria recente do autor mugardés: a exploración de xéneros cunha presenza aínda minoritaria dentro do ecosistema literario galego. Se con Os afogados (Editorial Galaxia, 2023), obra gañadora do VII Premio Illa Nova de Narrativa, se achegaba á ciencia ficción e á distopía, desta volta Rañales traslada a súa escrita ao terreo do terror cunha novela curta en formato de peto.

SOBRE O AUTOR

Pablo J. Rañales (Mugardos, 1999) é xornalista cun mestrado en Comunicación en Medios Sociais da Universidade de Vigo. Comezou no mundo editorial na adolescencia e a través de dúas obras colectivas: La narrativa de suspense (2015) e Seis días para leer y mil noches para soñar (2016).

Continuou coa publicación do seu relato Amor imperfecto na revista norteamericana Contrapuntos V, en 2017; impartiu clases de escritura creativa en Ares e obtivo o 1º Premio de Literatura Experimental (2020) da Fundación Wenceslao Fernández Flórez.

En 2021, publicou a súa primeira novela, Siervos de tinta, á que seguiu en 2023 a segunda, En la chepa del busero, ambas inscritas nun particular realismo máxico. En xuño dese mesmo ano, gañou a sétima edición do Premio Illa Nova Narrativa con Os afogados. Agora regresa con Espigas queimadas, a súa estrea no xénero do terror.

SINOPSE DA NOVELA

Os corpos violentados de Alba e Rafael trastocan a cotiandade de Piornedo, unha bucólica casa rural situada nas profundidades dos Ancares. Son, despois de sete días atrapados na súa habitación, unha muller esmagada a puñadas e un home colgado no baño. Mais coa luz do amencer e a calor asfixiante de agosto agroma unha pregunta: Que fixo chegar até ese extremo a unha parella que se amaba?

Atrapados nun tempo que se dobra sobre si mesmo, Alba e Rafael veranse obrigados a revivir, unha e outra vez, as fendas da súa relación: o desexo murcho, a culpa, os resentimentos. Pero o que acontece nas entrañas da casa rural vai máis alá do conflito de parella: hai unha forza que organiza o horror e o repite para quebralos.

Espigas queimadas é unha novela de terror psicolóxico cosida dende a claustrofobia. Unha historia que explora a lóxica dos bucles emocionais, o impacto do turbocapitalismo nos nosos corpos e mentes e a imposibilidade de fuxir de certas dinámicas afectivas.

Lea también

A Mostra de Teatro Galego de Cariño abre a venda de bonos

Os bonos poderanse adquirir durante toda a vindeira semana na Casa do Concello. As entradas …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *