A praia de Pantín en Valdoviño convérterse no escenario do Festival de Danza Sobre Táboas

Celebrarase este venres 31 ás 21 horas coa participación do Grupo Liminal, Hemellyn, o grupo de danza da Asociación Donaire e Asiel Pantín Carmona.

A praia de Pantín volverá converterse esta semana no escenario privilexiado do Festival de Danza Sobre Táboas. Este ano alcanza a súa cuarta edición, e contará coa participación destacada do Grupo Liminal; a televisiva Hemellyn; a tradición do Grupo de Danza da Asociación Cultural Donaire, e a frescura do artista local Asiel Pantín Carmona. A cita, nas inmediacións da caseta de socorrismo de Pantín, celebrarase este venres 31 de agosto, a partir das 21:00 horas.

O Grupo Liminal, integrado por Ana Erdozain e Alba González, traerá a Pantín «SOLASTALGIA», un proxecto artístico que reflexiona, dende o corpo e a danza contemporánea, sobre o estrés mental e existencial provocado polo deterioro medioambiental.

O traballo amosa a dous seres estranos baseados en animais acuáticos e con referencias claras a elementos da indumentaria de traballo, necesaria para determinadas catástrofes medio ambientais. Propón unha viaxe cara un novo lugar, na que estes seres, obrigados a saír do seu hábitat e motivados polo éxito e ansia de mellora, irán cuestionándose cal é o éxito real e se aínda lles queda tempo, antes de perderse ou desaparecer por completo.

O festival recibirá tamén a Hemellyn, artista moi coñecida tras o seu paso polo programa «Bailamos» da TVG, onde resultou finalista. Traerá a Valdoviño a súa coreografía «La Marea».

Xunto a ela, o público poderá seguir a actuación do grupo de danza da Asociación Cultural Donaire, entidade que nace na Coruña hai 26 anos co firme propósito de recuperar, promover e difundir o folclore galego.

Acudirán a Pantín cunha actuación na que amosarán a beleza, riqueza e variedade da música e danza popular galega. E como é tradición, o festival apostará tamén polo local, coa actuación do mozo valdoviñés Asiel Pantín Carmona que, de seguro, sorprenderá coa súa proposta artística.

Lea también

El parque Reina Sofía en Ferrol, acoge la Verbena del Mantón

La celebración tendrá lugar a partir de las 21 horas. La ciudad se prepara para …