Aberto ata o 28 de xullo o prazo para anotarse no concurso de salto.

A canteira da hípica tanto galega como do resto de España terá como sempre espazo privilexiado na edición 35 aniversario de Equiocio Ferrol.
A organización manterá abertas ata o próximo martes 28 de xullo as inscricións para a terceira e última competición ecuestre que se disputará no Campo das Cabazas: o Concurso nacional de salto para ponis (CNSP1). Segundo o avance do programa, a competición, valedoira para a Copa de Campeones, disputarase na pista central do certame entre o 7 e o 9 de agosto, e contempla un total de 24 probas oficiais repartidas en oito categorías, sobre alturas que irán dos 0,45 a 1,20 metros.
Con todo, dende a organización apúntase que, a modo de toma de contacto, os ponis poderán tamén participar, con dereito a premios, nas competición territoriais programadas na xornada inaugural do certame, o 6 de agosto. En función da altura, variará a idade dos deportistas – a partir dos 6 e ata os 16- e tamén o nivel mínimo de Galope requirido. E como vén sendo habitual, no concurso establécese ademais un tope máximo de tres cabalos por xinete ou amazona.
Como novidade, cómpre finalmente anotar que parte das probas da última xornada do CNSP1 serán puntuables para a “Liga galega Ramos Fraga Correduria de Seguros de Saltos de obstáculos 2026”. A inscrición poderá formalizarse a través da páxina web da Real Federación de Hípica Española ata o 28 de xullo, data na que se pecharán ademais as inscricións para o prestixioso Concurso de Saltos Nacional tres estrelas Cidade de Ferrol.
A edición 35 aniversario de Equiocio Ferrol contará co patrocinio de Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Estrella Galicia, Gadis, Integral Motion, Deporte Galego e as colaboracións de JRilo, Pavo, a Federación Hípica Galega, e a Comunidade de Montes veciñais en man común de Covas- Esmelle.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.