O Concello de Neda activa a vindeira semana “Miúdo verán”, o tradicional programa cultural e de lecer, con espectáculos ao aire libre, en distintas localizacións do municipio, pensados para desfrutar en familia.

A iniciativa, totalmente de balde, incluirá neste 2026 catro propostas do máis variado. Así, o cartel deste ciclo municipal, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do AGADIC, no marco das accións para dinamizar as localidades polas que discorren as diferentes rutas xacobeas, inclúe propostas de música, clown, ilusionismo e novo circo para os atardeceres deste verán.
O programa porase en marcha o mércores 29 de xullo, a partir das 20:30 horas, en Albarón con “Radio Bulebule”. Trátase dun concerto no que Paco Nogueiras “convida a vivir a radio en directo un singular programa cheo de humor, baile e canción”. Unha proposta galardoada na categoría de música infantil nos VIII Premios Martín Códax da Música.
A seguinte cita, prevista para o 5 de agosto, ás 20:30 horas, no parque do Principiño, garante tamén diversión. Teatro dos Ghazafelhos celebra os seus vinte anos con “Sherezade, Aladino e os tres beduínos”, unha nova proposta inspirada no universo fantástico de “As mil e unha noites”, con versións dos relatos orientais máis populares.
E tras a música e o teatro, o Concello aposta polo multipremiado ilusionista nedense Dani García, quen presentará o 20 de agosto, ás 20:30 horas, na contorna do albergue de peregrinos o espectáculo “Tin”, que mestura maxia inventiva, humor e clown.
“Miúdo verán. Cultura en familia” despedirase ata o vindeiro ano o 27 de agosto, ás 20:30 horas, cunha proposta de novo circo, no que non faltarán as acrobacias aéreas e o humor. Sempre arriba presentará nos Subarreiros “Hoxe, si!”, elixido mellor espectáculo de rúa do 2025 pola Asociación Profesional de Circo de Galicia.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
