A programación desenvolverase no Auditorio Municipal e na Porta da Pulida, con espectáculos para público infantil e adulto integramente en galego.
O Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu a presentación oficial da XLVIII Mostra de Teatro Galego de Cariño, que se celebra entre os días 2 e 8 de agosto e reunirá un total de 15 representacións repartidas entre o Auditorio Municipal e a Praza da Pulida.
No acto participaron a alcaldesa de Cariño, Ana María López; o concelleiro de Cultura, Andrés Balado; o concelleiro de Urbanismo, Alberto Balado; a deputada da Deputación da Coruña,Cristina García Rey; Erika Pereiro, socia de Culturactiva S. Coop., en representación de Piscore, compañía gañadora do Premio do Público Infantil na última edición da Mostra; e Pepablo Patinho, en representación de Teatro Ghazafelhos.
Durante a presentación, a alcaldesa deu a benvida á nova edición dun certame que cualificou como unha das grandes señas de identidade culturais do municipio. Ana María López destacou que “esta é xa a 48ª edición, que non é pouca cousa”, e mostrou a súa confianza en que Cariño poida celebrar dentro de pouco o medio século da Mostra “por todo o alto”.
A rexedora puxo en valor o traballo realizado durante décadas para consolidar este evento e sinalou que cada edición supón unha nova oportunidade para situar a Cariño como referente do teatro galego e da cultura no país.
A programación desta edición incluirá espectáculos para todos os públicos, coa maior parte das funcións familiares programadas ás 12.00 horas, mentres que as representacións destinadas ao público adulto terán lugar ás 22.00 horas. Ao longo de toda a semana, a Mostra volverá apostar por unha oferta diversa que combina humor, emoción, reflexión e crítica social.
Neste sentido, o concelleiro de Cultura, Andrés Balado, quixo agradecer o traballo de todas as persoas e entidades implicadas na organización. Segundo indicou, detrás da Mostra “hai moitísimo traballo”, polo que trasladou o seu recoñecemento aos traballadores e traballadoras do Concello, ás compañías participantes e á Deputación da Coruña polo seu apoio.
Balado explicou que a selección da programación responde a unha idea moi definida. “Buscamos conceptos ligados á sociedade, á igualdade e á memoria histórica de Galicia. Intentamos atopar obras que fixeran rir, con humor, pero tamén que emocionaran ao corazón”, sinalou.
O edil incidiu ademais na importancia de que toda a programación se desenvolva en galego, “na nosa lingua, que é algo fundamental”, e destacou que o público atopará propostas de todo tipo: “obras que nos fan rir, chorar, reflexionar e facer crítica social”. Así mesmo, lembrou que a Mostra mantén as súas dúas grandes liñas de programación, con espectáculos específicos para público infantil e outros destinados ao público adulto.
Outro dos elementos destacados desta edición é o cartel, obra de Eloy Martín, un artista moi vinculado a Cariño. Desde o Concello quixeron agradecer a súa colaboración, asegurando que a imaxe “sintetiza perfectamente o espírito da Mostra e ilustra de maneira moi fiel a esencia de Cariño”.
Como xa sucedeu noutras edicións, a Escola Municipal de Teatro de Cariño volverá participar na programación da Mostra. Será o sábado 1 de agosto, na antesala oficial do evento, coa representación da obra ‘Quen matou a Pepe Corleone?’, con guión e dirección de Pepablo Patinho e interpretada por rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos alumnos da Escola Municipal.
Por outra banda, a programación da XLVIII Mostra de Teatro Galego de Cariño arrancará oficialmente o domingo 2 de agosto co espectáculo itinerante ‘Animacreques’, da compañía Catropés, unha proposta de circo, zancos e danza que partirá ás 12:00 horas desde a Casa do Concello.
Xa ás 13:00 horas, a Porta da Pulida acollerá a primeira representación teatral da Mostra, ‘Historias para escagharriñarse’, da compañía Teatro Ghazafelhos, unha función para público familiar con entrada de balde. A xornada inaugural completarase ás 21:00 horas coa proposta de danza ‘Trïade e Alleo’, do Colectivo Glovo, tamén na Porta da Pulida.
O luns 3 de agosto, o Auditorio Municipal recibirá ás 12:00 horas a representación familiar ‘A viaxe feliz de Ramón Sanfiz’, de Fantoches Baj (entrada: 1,50 euros). Pola noite, ás 22:00 horas, será a quenda de Chévere, que levará a escena ‘Ictus’ (entrada: 6 euros).
O martes 4 de agosto, ás 12:00 horas, a compañía Muu presentará ‘Crunch 2’ para público familiar (1,50 euros). Ás 22:00 horas, Producións Teatrais Excéntricas representará ‘Mofa e Befa: Os dous de sempre’, dirixida ao público adulto (6 euros).
A programación continuará o mércores 5 de agosto coa obra familiar ‘Berenguela na gaiola’, de Galeatro e Xarope Tulú, ás 12:00 horas (1,50 euros). Ás 22:00 horas, a bailarina e creadora Mariña Lestón presentará ‘Costa da Morte. Cartografía dun naufraxio’, unha proposta dirixida a público adolescente e adulto (6 euros).
O xoves 6 de agosto, a compañía Tarabela Creativa levará ao Auditorio Municipal, ás 12:00 horas, o espectáculo familiar ‘Tarabela Ambulante’ (1,50 euros). Xa pola noite, ás 22:00 horas, De Ste Xeito porá en escena a comedia ‘Feminísimas’, destinada ao público adulto (6 euros).
O venres 7 de agosto, a música e o humor serán protagonistas coa actuación de Piscore, que presentará ‘Concerto Singular’ ás 12.00 horas (1,50 euros). Ás 22:00 horas, o actor e humorista Carlos Blanco subirá ao escenario do Auditorio Municipal coa súa proposta ‘A Penúltima’ (6 euros).
A Mostra despedirase o sábado 8 de agosto cunha dobre proposta na Porta da Pulida. Ás 13:00 horas, a compañía A Vela Circo ofrecerá o espectáculo circense ‘Enredos’, dirixido a todos os públicos e con entrada gratuíta. Pola noite, ás 22.00 horas, o ilusionista Joshua Kenneth pechará a programación con ‘Degustación de imposibles’, un espectáculo de maxia tamén para todos os públicos e con entrada de balde.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.



