O Océano Surf Museo de Valdoviño acolle a exposición de táboas de Enrique Artero

Baixo o título “O surf chega ao Cantábrico”, Enrique Artero regresaba ao Océano Surf Museo para inaugurar unha exposición cunha coidada selección de táboas da súa colección particular, considerada a máis importante de España. Hai 8 anos este mesmo espazo acollía a primeira mostra temporal vinculada ao centro museístico, con fondos do propio Artero.

Desta volta, pódense atopar con pezas únicas que forman parte da historia do surf a nivel mundial. Así o destacaba na inauguración o alcalde, Alberto González, que xunto á concelleira de Turismo, Rosana García, animaba á cidadanía a achegarse á casa da cultura para visitar a mostra.

Dende xa, con entrada libre e nestes horarios: de luns a xoves de 10:00 a 14:00 horas; venres de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas, e sábados e domingos de 16:00 a 20:00 horas. Ademais, en próximas datas organizaranse varias rutas guiadas polo propio Enrique Artero, coincidindo coa celebración do Pantín Classic.

A exposición propón unha viaxe pola evolución do surf en España dende as súas orixes a través de pezas singulares e únicas. Entre elas, o público poderá ver a táboa coa que Jorge Imbert conquistaba a primeira edición do Pantín Classic; aquela outra coa que a lenda do surf Mark Richards gañaba 5 mundiais, dende 1977 ata 1982 ou aquela última táboa que gaña cun só timón o campionato do mundo.

Tamén unha selección de táboas Jeronimo, unha das marcas pioneiras no noso país, predecesora de Pukas que, co tempo, chegaría a converterse na maior e máis relevante fábrica de táboas de Europa.

A exposición inclúese no proxecto “Miradas ao mar: xornadas de divulgación sobre surf, turismo e patrimonio costeiro”. Un proxecto promovido polo Concello de Valdoviño e financiado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura e a Consellería do Mar a través das axudas xestionadas polo GALP A Mariña-Ortegal.

Lea también

Neda anticipa a celebración do Día nacional de Galicia co espectáculo “Tradicorda con danza” do grupo As Pias

O Concello de Neda anticipa neste 2026 a celebración do Día nacional de Galicia. E …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *