Cedeira se prepara para vivir as Festas de Verán

O Concello de Cedeira xa ten pechado o programa das Festas de Verán, que se desenvolverán desde o 1 ao 17 de agosto cun amplo programa que inclúe música, deporte, teatro, actividades infantís e as tradicionais procesións na honra da Patroa, a Virxe do Mar.

Pablo Moreda e Noel López, alcalde e concelleiro de Festas de Cedeira

O pregón deste ano correrá a cargo da Coral Polifónica Eixil, que estará acompañada da asociación cultural Buxainas. As dúas agrupacións tradicionais cedeiresas serán as encargadas de marcar o inicio oficial das festas o martes 11 de agosto ás 20:00 na praza do Concello, aínda que haberá actividades previas como o xa consolidado Discalz@s polo Festival (1 e 2 e agosto na praza Floreal), a Semana Infantil (do 3 ao 7 de agosto), a tradicional carreira popular e a XXVIII Travesía a Nado.

Tras a lectura do pregón, o mesmo día 11 terá lugar o Entroido de Verán, a partir das 22:30 na praza Roxa, seguido da Festa da Escuma amenizada por Discomóbil CDC. O mércores 12, dentro do ciclo Jazz de Ría, poderase gozar das actuacións de DJMIL (19:00) e Xabier Díaz (20:45), as dúas na ermida de Santo Antón do Corveiro.

Esta data sinalada incluirá a observación do eclipse solar desde o espectacular miradoiro no que se sitúa a capela. Ao día seguinte, o 13, haberá xogos populares a partir das 17:30 no paseo da Mariña e na praia da Madalena, para dar paso ás 20:00 ao espectáculo de circo-teatro en formato cabaret “A contratempo”, de Variedades Pistacatro.

A xornada rematará cunha verbena que comezarás ás 23:00 na praza da Revolta e na que actuarán a orquestra Olympus e Brunokavi DJ. O teatro e o circo volverán ser protagonistas o venres 14 coa peza “Nudo”, de Rojo Telón, ás 20:00 na praza do Floreal, e a música de verbena soará desta volta na praza Roxa coas orquestras Origen e New York a partir das 22:30.

O 15 de agosto é unha data clave do programa, o Día da Patroa. Ás 12:00 celebrarase unha misa cantada pola coral Eixil, á que seguirá unha procesión acompañada pola Banda de Música Vila de Cedeira. Esta mesma agrupación ofrecerá un concerto ás 13:30 na praza Roxa. Xa pola noite, ás 22:30, subirán a este mesmo escenario Fania Blanco Show e a orquestra Marbella e á media noite celebrarase unha sesión de fogos de artificio tras a que continuará a verbena.

Ao día seguinte, o 16, a procesión da Patroa realizarase por mar, despois da misa que comezará ás 11:00 e contará co acompañamento da Banda de Música Vila de Cedeira. Pola noite, desde as 21:30, a praza Roxa volverase encher de música con algúns dos artistas galegos máis representativos do momento. Maneiro, Alana con Lina e Lola e 9Louro farán de Cedeira punto de encontro dos moitos seguidores e seguidoras destes músicos que, desde os seus diferentes estilos, reivindican o idioma galego.

O programa festivo rematará o luns 17 de agosto co Día da Xira e a subida ao monte de Santo Antón de Corveiro para gozar dunha xornada de música, xantar e confraternidade ao aire libre. A verbena da orquestra Triunfo a partir das 22:30 na praza Roxa despedirá unhas festas pensadas para todos os gustos e idades que contribúen a facer de Cedeira un referente do verán.

O alcalde, Pablo Moreda, destacou que estas festas, das máis importantes e sentidas de Cedeira, son días nos que tradición, devoción e convivencia se unen para render homenaxe á Patroa e para poñer en valor “a fonda vinculación do noso pobo co mar”. O goberno local desexa que tanto a veciñanza como as persoas que visitan Cedeira durante estas datas “gocen dunhas festas cheas de participación, alegría e respecto, compartindo xuntos o orgullo de pertencer a unha vila cunha identidade mariñeira única”

Lea también

Ferrol presenta su guía turística de verano con más de 50 propuestas para descubrir la ciudad hasta septiembre

El Concello de Ferrol ha presentado su guía turística de verano, una publicación que reúne …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *