Fene reivindica a cultura, a memoria e o compromiso colectivo no acto institucional do Día da Patria Galega

O Concello de Fene celebrou na tarde deste xoves, día 8 de xullo, no Parque Lineal o acto institucional con motivo do Día da Patria Galega, unha cita que reuniu veciñanza e representantes do tecido asociativo e institucional para reivindicar a identidade galega, a cultura e o compromiso colectivo co país.

«A patria se constrúe cada día»

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, abriu o acto cunha intervención na que definiu o 25 de xullo como “un día para celebrar quen somos, de onde vimos e, sobre todo, cara a ondequeremos camiñar como pobo”. Durante o seu discurso subliñou que a patria “non é unha idea abstracta nin unha palabra baleira”, senón que “se constrúe cada día” a través da lingua, da cultura, da defensa dos servizos públicos, da igualdade e do traballo colectivo. Tamén puxo en valor o papel das mulleres na construción do país e reivindicou unha Galiza feminista, “onde a igualdade non sexa só unha aspiración, senón unha realidade efectiva”.

Facer comunidade

A rexedora destacou ademais o papel do asociacionismo e da cultura popular na identidade de Fene, lembrando que o concello “soubo facer comunidade” e converter a cultura nunha ferramenta de transformación social. Nese contexto, agradeceu a presenza de Paco Oti, do que salientou a súa ampla traxectoria no teatro, no humor gráfico e no activismo cultural, asegurando que representa “un exemplo extraordinario do papel que a cultura desempeña na construción do país”.

Declaración institucional

Tras a intervención da alcaldesa, o creador e artista Paco Oti foi o encargado de dar lectura á declaración institucional do Día da Patria Galega. No seu discurso reivindicou a identidade galega como “un xeito de sentir, de falar, de compartir e de resistir”, chamou a defender a lingua e a cultura propias e fixo un alegato a favor da paz, da xustiza social e da necesidade de fortalecer o pensamento crítico fronte á desinformación e ás redes sociais.

Tamén apelou a construír unha Galiza con oportunidades para a mocidade, igualdade para todas as persoas e respecto polo medio ambiente, concluíndo cun chamamento á unión e ao orgullo compartido arredor do país.

O acto rematou cun aplauso colectivo, pechando unha nova edición dunha celebración coa que o Concello de Fene reafirma cada ano o seu compromiso coa lingua, a cultura e os valores que conforman a identidade do pobo galego.

Lea también

Ares inicia o Ciclo de Cine de Verán ao aire libre

O Concello de Ares arrancará esta semana cunha das propostas culturais máis atractivas para o …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *