Rematan as melloras na Avenida da Habana nas Pontes cun investimento de máis de 166.000 euros

O Concello das Pontes vén de finalizar as obras de mellora de servizos e pavimentos na Avenida da Habana, no tramo comprendido entre o número 99 e o cruce coa rúa Cabanas, no centro urbano da vila, unha actuación orientada a mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade dos espazos públicos.

Avenida da Habana | Concello de As Pontes

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou a zona tras a finalización dos traballos para comprobar o resultado da intervención, destacando a importancia desta actuación para a modernización das infraestruturas urbanas e para ofrecer á veciñanza unha contorna máis cómoda, segura e accesible.

As obras, adxudicadas á empresa Cholo S.L., contaron cun orzamento de 166.538,11 euros, financiados con fondos da Deputación da Coruña. A actuación permitiu renovar integralmente as beirarrúas e substituír diferentes instalacións de servizos, actuando sobre ambas marxes da rúa co obxectivo de reforzar a seguridade e mellorar a mobilidade peonil.

Entre os traballos executados destaca a creación dunha nova rede separativa de pluviais, mediante canalizacións de PVC de alta rixidez, así como a instalación de novos sumidoiros, arquetas e elementos de recollida conectados ás redes existentes. Tamén se levou a cabo a renovación da iluminación pública coa instalación de tecnoloxía LED, incorporando novos báculos de 7 metros con luminarias de estrada e paseo, o que permitirá unha iluminación máis eficiente e sustentable.

A intervención incluíu a reconstrución completa das beirarrúas con materiais accesibles e acordes coa estética da contorna, así como a creación dunha plataforma única para favorecer a accesibilidade universal e facilitar os desprazamentos peonís. Ademais, a calzada foi renovada cunha nova capa de aglomerado en quente, mellorando a súa funcionalidade e a drenaxe cara aos novos elementos de recollida de augas.

Dentro da actuación tamén se instalou novo mobiliario urbano, como papeleiras e xardineiras de madeira tratada, e executouse a sinalización horizontal necesaria, incluíndo pasos de peóns e prazas accesibles.

Lea también

Inscrición aberta en Fene para asistir ao espectáculo de narración oral Onde nacen os monstros

Nova sesión de contacontos na Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé de Fene, desta vez baseada …