Ares inicia o Ciclo de Cine de Verán ao aire libre

O Concello de Ares arrancará esta semana cunha das propostas culturais máis atractivas para o público familiar dentro da  programación do VeraneAres 2026: o Ciclo de Cine de Verán ao aire libre, que principiará este 9 de xullo, coa proxección da película “¿Quién es quién?”.

A iniciativa, promovida pola concellaría de Cultura e totalmente de balde, desenvolverase no patio das Escolas do Lago, no núcleo urbano da vila, a partir das 22:30 horas, ofrecendo unha alternativa de lecer para gozar das noites estivais a través do cinema.

Nesta primeira sesión, o público poderá achegarse a unha comedia familiar dirixida por Martín Cuervo, na que os Fuentes, unha familia que verá a súa vida completamente alterada despois de que Valentina, a máis pequena da casa, pida un desexo polo seu noveno aniversario. Ao día seguinte, todos os membros da familia espertarán co corpo intercambiado, dando lugar a situacións disparatadas e cheas de humor.

A través desta premisa fantástica, “¿Quién es quién?” propón unha historia divertida arredor da empatía, a convivencia e a importancia de aprender a poñerse na pel das demais persoas.

PRÓXIMAS DATAS DO CICLO DE CINE DE VERÁN

O Ciclo de Cine de Verán ao aire libre completarase con dúas novas proxeccións durante os meses de xullo e agosto, todas elas organizadas polo Concello de Ares coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A segunda sesión chegará o 23 de xullo, tamén ás 22:30 horas nas Escolas do Lago, coa película “Kung Fu Panda 4”, unha nova entrega da coñecida saga de animación protagonizada por Po.

Xa no mes de agosto, o ciclo continuará o 13 de agosto coa proxección de “Rondallas”, prevista ás 22:00 horas no mesmo emprazamento, poñendo o peche a esta programación cinematográfica estival.

Lea también

Inscrición aberta en Fene para asistir ao espectáculo de narración oral Onde nacen os monstros

Nova sesión de contacontos na Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé de Fene, desta vez baseada …