A proba, organizada polo Concello de Narón e a ADC Bombeiros de Narón, consta de catro modalidades entre trail e andaina.
A Asociación Deportiva Cultural Bombeiros de Narón presentou xunto co edil de seguridade cidadá, José Oreona, a quinta edición do Trail Costa Ártabra, que se celebra o domingo 13 de setembro de 2026. A proba, organizada polo Concello a través do Padroado de Deportes e a ADC Bombeiros de Narón, xa ten aberto o prazo de inscrición a través da web www.321go.es.
O evento, que conta coa cualificación UTMB Index e outorga puntos para a gran final das UTMB World Series que se disputa en Chamonix (Francia), é ademais puntuable para a Super Liga galega de Trail e Carreiras por Montaña.
Constará de catro modalidades: ás 8:45 horas tomará a saída o trail longo, de 27 quilómetros e 1.500 metros de desnivel positivo; ás 9:15 horas sairá a andaina longa, de 13,5 quilómetros; ás 10:00 horas, o trail curto, de 14 quilómetros e 700 metros de desnivel positivo; e ás 10:05 horas, a andaina curta, de 8 quilómetros.
Todas as probas terán a saída e a meta nas inmediacións da cooperativa do Val. «Dende o Concello seguimos a apostar por eventos deportivos que, coma este, poñen en valor o noso patrimonio natural e que consolidan a Narón como referente do trail running na comarca”, asegurou Oreona.
Pola súa banda, o presidente da ADC Bombeiros de Narón, Luís García, avanzou algunhas das novidades desta quinta edición. Ao remate da proba celebrarase unha churrascada por cortesía da Carnicería Bruno, un dos negocios colaboradores desta edición, que será gratuíta para os corredores e na que tamén se poderán apuntar os acompañantes. A xornada completarase con animación musical e actividades infantís.
Ademais, nas dúas modalidades de andaina haberá por primeira vez avituallamento específico para as mascotas que acompañen os participantes. Na anterior edición, máis dun centenar de persoas inscribíronse nesta proba, que permite percorrer as inmediacións da Pena Lopesa e da Pena Molexa, así como os acantilados da zona do Val e as praias de Lopesa, Hortiña e Casal, entre outras localizacións do termo municipal.
As bases completas e as inscricións xa están dispoñibles en https://www.321go.es/Carrera/Detail/553-vtrailcostaartabra2026.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

