Quique Peón dirixe esta peza de nova creación da agrupación folclórica do Padroado de Cultura que conta con máis de 30 artistas en escena.
O grupo de baile e música tradicional Alxibeira do Padroado de Cultura de Narón estrea este sábado, 11 de xullo, ás 21:00 horas, “Congostra”, un espectáculo de nova creación que se mergulla na identidade e nas tradicións da comarca e que conta con máis de trinta artistas sobre o escenario. As entradas poden adquirirse na web do Padroado e na taquilla do Pazo da Cultura ao prezo de 2,50 euros.
“Congostra” está estruturada en sete actos enlazados por outros tantos audiovisuais creados polo artista galego Antón Cabaleiro a partir de fotografías e material de arquivo do Concello de Narón e de aportacións persoais dos
propios integrantes do grupo. O repertorio musical bebe case na súa totalidade da tradición local. Melodías recollidas na comarca, cantos de berce, coplas e muiñeiras das Mariñas Altas conforman unha selección na que a práctica totalidade das pezas son propias desta zona de Galicia.
O espectáculo, ideado por Quique Peón, supón un salto cualitativo importante para a agrupación, próxima a cumprir os corenta anos de vida. Nel, por primeira vez, todas as persoas integrantes cantan, bailan e interpretan. O resultado, é, en palabras do seu creador, «unha función contemporánea minimalista e ao mesmo tempo eficaz», cunha mensaxe clara: «facernos sentir orgullosos de pertencer ao sitio”. A ficha artística do show complétana David Deive no deseño de luz e Ángel Sánchez no espazo sonoro.
O Grupo Alxibeira naceu en 1986 por iniciativa do Padroado de Cultura de Narón e presentouse oficialmente o 30 de xullo de 1988. Ao longo de case catro décadas levou o folclore galego a escenarios de toda Europa e América Latina. Desde 2020, a dirección artística recae en Quique Peón, un dos referentes da investigación etnográfica e da danza tradicional en Galicia.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

