Narón celebra o XXXV Festival Internacional de Folclore

Grupos de Asturias, a Comunidade Valenciana, Serbia e México uniranse ás formacións do Padroado de Cultura o sábado 18 de xullo no Parque do Río Freixeiro.
 
 
O parque do río Freixeiro acolle o sábado 18 de xullo a trixésimo quinta edición do Festival Internacional de Folclore organizado polo Padroado de Cultura do Concello de Narón. Na presentación do evento estiveron presentes a alcaldesa e presidenta do Padroado, Marián Ferreiro, e Gustavo del Río, xefe do negociado de Cultura de Narón, que avanzaron o contido desta cita que reunirá seis agrupacións procedentes de Galicia, Asturias, a Comunidade Valenciana, Serbia e México.
 
A xornada dará comezo ás 12:00 horas coa recepción no Concello, onde a alcaldesa daralles a benvida a todos os grupos participantes, representados por unha parella de bailaríns máis a persoa responsable de cada formación. Xa pola noite, ás 20:00 horas, terá lugar un pasarrúas dende o Pazo da Cultura ata o Parque do Río Freixeiro, onde ás 21:00 horas principiará o festival.
 
«Un ano máis, Narón convértese en punto de encontro de culturas e tradicións de todo o mundo, e o noso compromiso segue a ser o de coidar e difundir o folclore galego a través do traballo do Padroado de Cultura e poñelo en relación co resto do mundo», sinalou a rexedora.
 
A Banda de Gaitas e o Grupo de Música e Baile Tradicional Alxibeira, ambos pertencentes ao Padroado de Cultura, serán un ano máis as anfitrioas deste evento. Creado a finais de 1986 para revalorizar o folclore e os costumes de Galicia, o Grupo Alxibeira conta cun repertorio de bailes, músicas e cantigas recuperadas da tradición popular.
 
No ano 1982 o Padroado puxo en marcha a Escola Municipal de Gaita para salvagardar e difundir a música galega tradicional, e en 1987 a Banda de Gaitas de Narón iniciou a súa actividade, ata estar integrada por preto de corenta e cinco intérpretes de diferentes idades.
 
Dende Asturias chegará o Grupo Folclórico A Alegría de Porceyo (Xixón), unha formación con máis de cincuenta anos de traxectoria dedicada á interpretación dos bailes tradicionais asturianos. Fundado en 1972 por iniciativa da veciñanza do lugar, o grupo, que conta na actualidade con preto de trinta membros de diferentes idades, levou o folclore do Principado a numerosos festivais de España, Francia e Portugal.
 
Da provincia de Alacante recalará o Grupo de Danzas de Villena, unha das agrupacións máis veteranas do panorama folclórico español. Fundado en 1956 no seo da Sección Feminina e convertido despois en formación mixta, conta hoxe con preto de cincuenta compoñentes entre corpo de baile, coro e rondalla.
 
O seu repertorio recolle danzas da comarca do Alto Vinalopó e da provincia de Alacante, e a súa traxectoria inclúe actuacións en varios países e xiras por Europa. Procedente de Serbia visitará Narón o Conxunto de Danza e Canto Folclórico Šumadija, de Barajevo, un municipio da área de Belgrado. A formación, que este ano celebra máis de dúas décadas de existencia, ten como obxectivo preservar e difundir os bailes, cantos e indumentaria tradicionais das distintas rexións serbias.
 
Pechará o cartel internacional o Grupo Folclórico Estampas de México, que amosará en Narón a riqueza dos bailes e tradicións populares mexicanas, herdeiras da mestura de raíces indíxenas e hispánicas que caracteriza o folclore do país norteamericano.

Lea también

Ferrol presenta su guía turística de verano con más de 50 propuestas para descubrir la ciudad hasta septiembre

El Concello de Ferrol ha presentado su guía turística de verano, una publicación que reúne …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *