O Goberno municipal de San Sadurniño ofreceu ao CF San Sadurniño unha recepción oficial tras conseguir o ascenso a Primeira Futgal.
O equipo certificou o salto de categoría despois de superar ao Baio na primeira eliminatoria da promoción e de impoñerse ao Agrón-Barcala nos dous encontros da final. Durante o acto, o alcalde, Secundino García Casal, felicitou ao cadro de xogadores, corpo técnico e directiva polo traballo desenvolvido ao longo da tempada e destacou a grande implantación que ten o fútbol modesto na comarca, mentres que o capitán, Antón Senra Bascoi, agradeceu o recoñecemento e expresou o compromiso do equipo de representar con orgullo o nome de San Sadurniño na nova categoría.
O patio interior da Casa do Concello foi o escenario elixido para a breve recepción institucional coa que o Goberno municipal quixo renderlle homenaxe ao CF San Sadurniño polo seu recente ascenso a Primeira Futgal. Tratábase da terceira ocasión na que o conxunto disputaba unha fase de ascenso, conseguindo nesta ocasión culminar o obxectivo do salto de categoría.
Na súa intervención, o alcalde, Secundino García Casal, felicitou ao equipo polo éxito acadado e asegurou que o ascenso supón «un recoñecemento ao esforzo que fixestes durante todo o ano». O rexedor engadiu que, ao seu xuízo, o conxunto local xa merecera o ascenso directo, aínda que finalmente tivo que gañar a praza na promoción. O San Sadurniño eliminou ao Baio na primeira rolda e certificou despois o ascenso vencendo ao Agrón-Barcala nos dous encontros da eliminatoria definitiva.
García Casal tamén lamentou que a UDC Narahío, eliminada polo Agrón-Barcala na primeira rolda, quedase ás portas da promoción final e expresou o seu desexo de que o outro equipo local poida conseguir o ascenso na próxima tempada para recuperar os derbis entre ambos conxuntos, aínda que xa na Primeira Futgal. Unha categoría na que, de momento, só militará o San Sadurniño. «Deséxovos sorte, que a ides ter, seguro», concluíu.
O alcalde aproveitou tamén a ocasión para compartir cos asistentes parte da historia da Casa do Concello, lembrando que o edificio chegou a recibir a Alfonso XIII, ao presidente do Goberno e a dous ministros. Con todo, asegurou que hoxe ese lugar «é moito máis importante porque recibe xente coma vós que representades a San Sadurniño con moita máis dignidade que o que representaba esa xente», poñendo en valor o papel que desempeñan os deportistas como embaixadores do municipio.
Na parte final da súa intervención, García Casal reiterou os parabéns ao club e destacou a importancia do fútbol afeccionado na vida social da comarca, agradecendo especialmente o labor da directiva e de todas as persoas que fan posible a actividade do club. «Os equipos funcionan porque hai xente que traballa todo o ano para que haxa actividade deportiva. Iso é algo que a sociedade temos que valorar na súa medida e ser conscientes de que hai moitas mulleres e homes traballando todo o ano e incluso ás veces aguantando moitas impertinencias de quen imos ao fútbol», afirmou.
O rexedor lembrou tamén a súa condición de socio do CF San Sadurniño, sen ocultar o seu vínculo sentimental coa UDC Narahío, e mostrou o seu desexo de volver vivir pronto os derbis entre ambos os equipos.
Pola súa banda, o capitán do CF San Sadurniño, Antón Senra Bascoi, agradeceu ao Goberno municipal o recoñecemento recibido. «Agradecémoslle ao Goberno o detalle deste recibimento. Andaremos a provincia con moito orgullo representando ao club e tamén ao concello», afirmou. Nun ton distendido, tamén recolleu a referencia do alcalde aos derbis coa UDC Narahío e comentou que «para o ano non perdemos un derbi, perdemos dous derbis, aínda que mantemos o do trofeo municipal, que esperamos gañar».
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


