A acción formativa, gratuíta e de 20 horas, celebrarase en setembro no local da A.VV Chafarís e busca facilitar a integración lingüística das persoas que se achegan por primeira vez ao galego.
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Narón abre o prazo de inscrición para un novo curso de introdución á lingua e á cultura galegas, dirixido a persoas maiores de 16 anos que se achegan por primeira vez ao idioma. A acción formativa, de carácter gratuíto, ten como obxectivo facilitar a integración lingüística e sociocultural das persoas participantes.
O curso terá unha duración de 20 horas en modalidade presencial, e desenvolverase no local da A.VV Chafarís, no Alto do Castaño, os martes e xoves de 10:00 a 13:00 horas, entre o 3 e o 24 de setembro. Ao longo das sesións traballaranse nocións básicas da lingua galega, así como aspectos da cultura de Galicia como as festas, as tradicións, a gastronomía ou a música.
Ao remate, todo o alumnado participante recibirá un diploma de participación. As persoas interesadas no curso deberán presentar a súa solicitude antes do 28 de xullo. Unha vez cuberta e asinada, deberán enviala por correo electrónico a a.pita@naron.gal ou presentala de forma presencial no Servizo de Normalización Lingüística do Concello.
O documento para realizar a inscrición está dispoñible no apartado «arquivos» que figura ao final desta nova, así como na web do Servizo de Normalización Lingüística de Narón, no enlace: https://naronengalego.gal/actividades/curso-de-introducion-a-lingua-e-a-cultura-galegas-en-naron/.
O curso conta cun total de 20 prazas. Esta iniciativa está organizada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, coa colaboración do Concello de Narón por medio da Concellaría de Política Lingüística.
A acción responde a un dobre obxectivo: por unha banda, fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, xa que aprender o idioma do país de acollida resulta esencial para unha integración exitosa; e pola outra, aproveitar o potencial que representa a chegada de persoas a Galicia como vía para incrementar o número de galegofalantes.
Para máis información, pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística a través do teléfono 981337700 (extensión 1516) ou do correo electrónico a.pita@naron.gal.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

