O Campus Industrial de Ferrol acolle unha nova edición do curso sobre xestión de residuos industriais

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG), situado no Concello das Somozas e xestionado por SOGARISA, acollen o Curso de Xestor/a de Residuos: a actividade profesional verde”, do 20 ao 24 de xullo, de 09:00 a 14:00 horas, da man da Cátedra Epifanio Campo que promove a Universidade da Coruña (UDC) xunto co Grupo Rodonita.

Ao igual que en edicións anteriores, o Campus Industrial de Ferrol acolle unha formación dirixida a todas aquelas persoas que queiran adquirir unha competencia profesional básica no eido da xestión dos residuos industriais, poñendo o foco no estudantado e nos titulados e tituladas universitarias, así como nos e nas profesionais do ámbito industrial que queiran iniciarse ou afondar nesta temática. Os contidos teñen un enfoque eminentemente práctico, tendo en conta tanto a perspectiva profesional do xestor ou xestora de residuos
autorizado como a de calquera industria xeradora de residuos.

O curso será impartido, en boa medida, por profesionais do sector vinculados a SOGARISA entre os que figura o seu director xeral, Antonio Roncero, o seu xefe de Planificación e Sistemas, Santiago Roncero; o seu director comercial, Víctor Fernández, ou a súa directora de Laboratorio, Belén Filgueira. Por parte da Universidade da Coruña (UDC), impartirán docencia neste curso a catedrática de Química Analítica e integrante do grupo de investigación Química Analítica Aplicada (QANA), Soledad Muniategui; a integrante do grupo de investigación Dereito Público Global, Itziar Sobrino, e o profesor da Facultade de Economía e Empresa, Guillermo Iglesias.

O denominado “emprego verde” é unha das saídas profesionais con mellores perspectivas de futuro. As súas áreas de actuación son amplas e variadas, dentro das se que inclúe a figura do xestor ou xestora de residuos para levar a cabo de forma axeitada a recollida e transporte, almacenamento, tratamento, valorización e/ou eliminación dos materiais de refugallo que se producen nas actividades industriais.

As persoas interesadas en participar neste curso formativo teñen ata o 22 de xuño para formalizar a súa inscrición. O prezo da matrícula para o alumnado dalgún dos títulos oficiais da Universidade da Coruña (UDC) é de 75 euros. A
tarifa para o público xeral ascende a 100 euros. Máis información enviando un
correo electrónico a catedra.epifaniocampo@udc.es.

Impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) e polo Grupo Rodonita

No ano 2019, a Universidade da Coruña (UDC) e o Grupo Rodonita poñen en marcha a Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e dirixida pola profesora Maripaz Mateo. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sustentabilidade. Os  obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.

Lea también

Un equipo do CITENI da Universidade da Coruña desenvolve un novo modelo de cálculo para deseñar unións metálicas con parafusos pasantes

As unións entre vigas e piares son elementos fundamentais nas estruturas metálicas, xa que condicionan …