A secretaria xeral da Alianza EMERGE, Lesley Lelourec, visitou o Campus Industrial de Ferrol

De esquerda a dereita, Marcos Míguez, Ana Ares, Lesley Lelourec, Pablo Rodríguez-Vellando e Marceliano Rodríguez, antes do comezo da recepción institucional no Campus Industrial de Ferrol.

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez, recibiron, este martes, no edificio da Vicerreitoría, á secretaria xeral da Alianza EMERGE, Lesley Lelourec, un posto vinculado á University of Limerick (Irlanda), institución que coordina este Proxecto Erasmus+ no que participan un total de nove universidades europeas de rexións periféricas, entre elas, a Universidade da Coruña (UDC).

Xunto coa secretaria xeral da Alianza EMERGE, achegáronse ata o Campus Industrial de Ferrol o líder de investigación desta iniciativa, o profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e integrante do Grupo de Investigación Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente da Universidade da Coruña (UDC), Pablo Rodríguez-Vellando, e o coordinador da Alianza na institución herculina, Marceliano Rodríguez.

Ao remate da recepción institucional, trasladáronse ata o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) onde foron recibidos pola súa directora, Belén Montero. Ao longo da visita, puideron coñecer, entre outros, o Laboratorio de Mecánica de Fluídos, o Laboratorio de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) e o Canal de Ensaios Hidrodinámicos. A maiores, mantiveron unha breve reunión con persoal investigador do Grupo Integrado de Enxeñaría e do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica.

Transformando a educación superior nas rexións periféricas de Europa

A Alianza EMERGE (Empowering the Margins of Europe through Regional and Global Engagement) está conformada por nove universidades europeas que colaboran para transformar a educación superior en rexións periféricas. O seu obxectivo e o de promover a inclusión, a innovación e a mobilidade no ámbito universitario, contribuíndo á creación dun Espazo Europeo de Educación máis cohesionado e equitativo.

A Universidade da Coruña (UDC) forma parte desta alianza xunto coa University of Limerick (Irlanda), Democritus University of Thrace (Grecia), Europa-Universität Flensburg (Alemaña), Inland Norway University of Applied Sciences (Noruega), Neapolis University Pafos (Chipre), Université Bretagne Sud (Francia), Université Rennes 2 (Francia) e a Univerzita Mateja Bela v Banskej Bystrici (Eslovaquia).

No seu conxunto, estas nove institucións conforman un Eurocampus con máis de 125.000 estudantes, comprometido cunha educación superior máis accesible, diversa e conectada tanto a nivel rexional como internacional.
De esquerda a dereita, Marcos Míguez, Ana Ares, Lesley Lelourec, Pablo Rodríguez-Vellando e Marceliano Rodríguez, antes do comezo da recepción institucional no Campus Industrial de Ferrol.

Lea también

Un total de 103 universitarios serán reconocidos por la Xunta con los premios fin de carrera

En el Campus de Ferrol han resultado galardonados cinco estudiantes. La Xunta ha reconocido la …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *