Ocho novos ecógrafos portátiles chegan ós centros de saúde da ASF

Están dous no centro de saúde Fontenla Maristany de Ferrol; un en Serantes e Caranza, tamén no Concello de Ferrol; e un para os centros de Narón, Fene, Pontedeume e As Pontes.

Novo ecógrafo portátil centro de saúde Caranza

Un total de ecógrafos portátiles chegan estes días ós centros de saúde da Área Sanitaria de Ferrol-ASF para o seu emprego entre os profesionais. Son dous para o centro de saúde Fontenla Maristany de Ferrol; un para cada un dos centros de Serantes e Caranza, tamén no Concello de Ferrol; e un para os centros de Narón, Fene, Pontedeume e As Pontes.

A formación dos e das profesionais para o seu emprego comezaba o pasado venres no Fontenla Maristany de Ferrol, e continuaba en cada un dos centros dende o luns ata onte mércores 27 de maio. Esta formación implica que máis profesionais se poidan incorporar ó emprego desta técnica no ámbito do centro de saúde, co que se mellora a oferta de coidados e a capacidade resolutiva do médico de Medicina Familiar e Comunitaria, supoñendo, en último termo, a mellora do nivel de saúde da poboación da Área.

Obter imaxes de estruturas profundas e achegamento ó paciente

A ecografía é o proceso de obter imaxes de estruturas profundas do corpo, medindo e rexistrando o reflexo de ondas sonoras de alta frecuencia continuas ou intermitentes. É unha ferramenta inocua, rápida e moi precisa, que permite obter resultados múltiples e útiles para o profesional do centro de saúde, sobre todo na medida en que pode descartar unha patoloxía urxente. Esta tecnoloxía favorece que o profesional afine aínda máis o seu diagnóstico, e pode servir incluso para salvar unha vida, xa que, como exemplo, detectar un aneurisma de aorta pode cambiar totalmente o desenvolvemento final da patoloxía.

Ese carácter inmediato dos resultados é unha das grandes vantaxes que implica esta técnica, tendo en conta que nesta Área existe unha gran dispersión xeográfica. Permite que o paciente non teña que ser derivado ó centro hospitalario; aumenta a capacidade de tomar decisións médicas, xa que o profesional conta con máis información; e axuda a que o sanitario solucione dúbidas en relación con algún aspecto das diferentes patoloxías.

Este equipamento, xa nos centros e en plena formación para o seu emprego, forma parte da partida de máis de 90,2 millóns de euros investidos entre os anos 2022 e 2025 en equipamento e tecnoloxía para a atención primaria, que refería hai uns meses o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

Lea también

Diez equipos de Galicia, España y Europa participarán este fin de semana en el III Torneo de Baloncesto de Veteranas Cidade de Ferrol

El pabellón municipal de Esteiro acogerá los próximos 13 y 14 de junio la tercera …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *