Nesta recta final do curso, e co ánimo de planificar o próximo, o Concello de Valdoviño abre prazo para solicitar praza no programa municipal “Concilia Tempos Mañás” que desenvolve no CPI Atios e nas escolas unitarias de Lago e de Taraza.
O servizo municipal facilita a entrada aos escolares dende as 7:30 horas no primeiro caso e dende as 8:00 horas no segundo, sendo as 8:30 horas o límite no caso de que almorcen no espazo.
O programa busca así facilitar a nais e pais a conciliación das súas obrigas laborais e familiares procurando aos menores un inicio de día tranquilo, desfrutando do ambiente grupal e dun almorzo saudable, ofrecendo iogures, froita, froitos secos, mel, cereais, leite, pan… Neste exercicio, preto de medio centenar de cativos e cativas participan do mesmo.
As familias interesadas en solicitar praza poden descargar ficheiros na web municipal e presentalos no rexistro da casa consistorial ou a través da sede electrónica a partir do luns 1 de xuño e ata o día 12. O prazo faise coincidir co dos campamentos “Concilia Tempos Verán” para evitar duplicar desprazamentos e simplificar procesos.
De quedar prazas vacantes en “Concilia Tempos Mañás”, as familias poderán solicitalo ao longo do ano. O prezo é de 30 euros ao mes e de 20 euros medio mes.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

