Valdoviño pecha a programación das Letras Galegas co espectáculo “Vitaminas B e C: Begoña Caamaño”

A función do prestixioso ilusionista terá lugar o domingo ás 18:00 horas no auditorio, con entrada libre e de balde ata completar aforo.

O Concello de Valdoviño pecha este domingo a programación deseñada con motivo do Día das Letras Galegas co espectáculo de Martín Camiña Ilusionista titulado “Vitaminas B e C: Begoña Caamaño”. Será no auditorio da casa da cultura, a partir das 18:00 horas, con entrada de balde e libre ata completar aforo. A función conta co apoio da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural.

Trátase dun espectáculo familiar máxico e literario, cargado de ilusións que conforman un círculo, cuxo perímetro é Circe, Morgana e os medios de comunicación. Desta maneira, o ilusionista Martín Camiña, Premio Nacional de Maxia de Donostia e Premio da Asociación Portuguesa de Ilusionismo, percorre o vieiro vital de Begoña Caamaño, homenaxeada no Día das Letras Galegas deste 2026.

O Concello pon así o broche de ouro a unha programación que comezaba a primeiros de mes co espectáculo de narración oral “Mitoloxías disidentes. A caixa de Begoña”, a cargo de Cris de Caldas e no marco do ciclo de teatro Ven o Venres; continuaba na antesala do 17 de Maio coa iniciativa “Begoña Caamaño estivo aquí!, na que a profesora Pim Patinho botaba a vista atrás para lembrar a visita da xornalista e escritora á nosa vila, acto que contou coa música de Maio, e incluía tamén o concerto estelar de Encrucillada na contorna da área recreativa das Forcadas no mesmo Día das Letras Galegas.

Lea también

Cativos de Concilia Tempos Verán participan en Pantín, Valdoviño, na campaña Veráns de Lecer Consumo

Ao longo da mañá celebráronse dúas sesións: xogueteando un lecer diferente e máis a xincana …