A Deputación da Coruña leva a realidade virtual ás aulas para concienciar sobre a riqueza do medio mariño galego

O programa de educación ambiental “Un mar de cambios” desenvolveu obradoiros prácticos en 10 centros educativos da provincia, chegando a máis de 500 alumnos. A iniciativa achegou ao alumnado de 3º a 6º de primaria os efectos do cambio climático nos fondos mariños e a importancia de protexer as rías e océanos.

CEIP Ponte do Porto Camariñas/ Diputación da Coruña

A Deputación da Coruña vén de rematar o programa de educación ambiental “Un mar de cambios”, unha iniciativa que levou ás aulas a riqueza do ecosistema mariño galego e a necesidade de protexelo fronte aos efectos do cambio climático.

O proxecto desenvolveuse a través de 13 obradoiros prácticos en 10 centros educativos da provincia, nos que participaron 513 alumnos de 3º a 6º de primaria. As sesións combinaron contidos divulgativos, debate participativo e experiencias inmersivas con lentes de realidade virtual para achegar ao alumnado a biodiversidade dos fondos mariños galegos sen saír da aula.

O obxectivo do programa foi implicar activamente ás novas xeracións na conservación do medio mariño, axudándolles a comprender como o mar inflúe nas nosas vidas e como as accións cotiás tamén teñen consecuencias sobre a saúde das rías, dos océanos e das especies que os habitan.

A deputada responsable da área de Medio Ambiente, Rosa Ana García López, destacou que “coñecer a importancia do mar nas nosas vidas é o primeiro paso para valóralo e protexelo”. Neste sentido, sinalou que “en Galicia temos un patrimonio mariño extraordinario, que forma parte da nosa identidade, da nosa economía e da nosa forma de vivir, e é fundamental que os nenos o coñezan desde pequenos”.

Rosa Ana García subliñou ademais o valor de incorporar ferramentas tecnolóxicas á educación ambiental. “A realidade virtual permítenos levar os fondos mariños galegos á aula dunha maneira atractiva, directa e moi visual. Axuda a espertar curiosidade, a entender mellor os cambios que se están producindo no mar e a xerar compromiso coa súa conservación”, afirmou.

CEIP de Pedrouzos-Brión / Diputación da Coruña

Cada obradoiro estruturouse en dúas partes. A primeira, baixo o propio título de “Un mar de cambios”, centrouse no diagnóstico e na concienciación. O alumnado puxo en común os seus coñecementos previos sobre o cambio climático, as súas causas e as súas consecuencias, e traballou con imaxes reais filmadas no litoral galego para identificar algúns dos principais impactos deste fenómeno na biodiversidade e nas paisaxes submarinas.

Nesta fase tamén se abordou a situación dalgunhas das especies máis vulnerables das nosas augas e reservouse un espazo para o debate, no que as alumnas e alumnos propuxeron ideas, hábitos e comportamentos cotiáns para contribuír ao coidado da vida baixo o mar.

A segunda parte dos obradoiros estivo centrada nas experiencias inmersivas submarinas. Mediante o uso de lentes de realidade virtual con imaxes en 360 graos, o alumnado puido mergullarse nos fondos mariños galegos e observar de preto a súa riqueza natural. En paralelo, desenvolveuse a actividade “Atención! Especies en perigo”, deseñada especificamente para explicar a situación das especies máis ameazadas do litoral.

Os centros escolaes e concellos participantes na actividade “Un mar de cambios” foron:

A Laracha — CEIP de Caión

Moeche — CEIP de San Ramón

Ares — CPI As Mirandas

Oleiros — CEIP Luís Seoane

Arteixo — CEIP Arteixo

Camariñas — CEIP Ponte do Porto

Curtis — CEIP de Teixeiro

Brión — CEIP de Pedrouzos

Santa Comba — CEIP Barrié de la Maza

Porto do Son — CEIP de Portosín

Lea también

Los termómetros superan este martes los 42 grados en varios municipios ourensanos

Varios municipios de la provincia de Ourense han superado este martes los 42 grados de …