Tino Seco elixido candidato a alcaldía do BNG de Ares

A Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego en Ares vén de elixir a Tino Seco como candidato do BNG á alcaldía para as eleccións municipais de maio de 2027. A decisión foi adoptada por unanimidade na asemblea celebrada o pasado 13 de maio.

Catedrático de Educación Física e licenciado en Xeografía e Historia, Tino Seco conta cunha ampla traxectoria no ámbito educativo e na xestión pública. Na actualidade é profesor do CPI As Mirandas de Ares, centro do que tamén foi director, tras desempeñar igualmente responsabilidades directivas no IES Concepción Arenal de Ferrol.

O candidato agradeceu o apoio da militancia e destacou “a importancia de construír un proxecto colectivo, aberto á veciñanza e centrado no futuro de Ares”. Seco sinalou que afronta este reto “coa convicción de que Ares necesita un cambio, cun proxecto centrado nas persoas, nos servizos públicos e no desenvolvemento do concello”.

Pola súa banda, a Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego salientou “a capacidade de diálogo, o compromiso co país e a experiencia de Tino Seco” como elementos clave para encabezar unha candidatura con vontade de liderar unha alternativa para Ares.  

Nos próximos meses, o BNG de Ares continuará traballando na elaboración do programa e na configuración da candidatura, co obxectivo de presentar un proxecto sólido, participativo e centrado nas necesidades reais da veciñanza.
 

Lea también

Neda agasalla bolsas reutilizables de algodón reciclado nos supermercados do municipio

As cinco tendas teñen un día asignado para repartir entre os primeiros clientes da xornada …