O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol inicia unha nova etapa coa remuda na súa dirección, tras o proceso electoral marcado nos novos Estatutos da UDC. María Belén Montero, do Grupo de Polímeros, asume esta responsabilidade tras a etapa liderada polo investigador Armando Yáñez desde 2021.
O cambio prodúcese nun momento de fortalecemento da actividade científica do centro e de impulso de novas dinámicas de colaboración orientadas a ampliar asúa proxección internacional e favorecer un modelo de investigación máis integrador, transversal e conectado cos retos tecnolóxicos e industriais.
Unha nova etapa para o CITENI
María Belén Montero afronta esta nova responsabilidade co obxectivo de potenciar a capacidade investigadora do CITENI, reforzar a cooperación entre grupos e avanzar na construción dun centro cada vez máis aberto á colaboración internacional e á incorporación de novas capacidades científicas.
“Asumo esta responsabilidade con ilusión e compromiso. O CITENI conta cun gran potencial científico e humano e esta nova etapa representa unha oportunidade para integrar capacidades, fortalecer a colaboración e seguir
impulsando unha investigación conectada cos retos industriais e sociais, especialmente en ámbitos estratéxicos como as tecnoloxías mariñas, os materiais, a sustentabilidade e a economía circular”, sinala.
A nova directora científica aposta ademais por reforzar a participación do centro en redes e proxectos internacionais, así como por impulsar espazos de traballo compartidos que favorezan a colaboración entre áreas e disciplinas.
Unha etapa de consolidación científica
Durante a etapa anterior, o CITENI reforzou a súa organización interna e a coordinación entre equipos, ao tempo que incrementou a súa participación en proxectos competitivos e ampliou as súas liñas de investigación. Armando Yáñez destaca que o centro “deu pasos importantes como proxecto colectivo” e expresa a súa confianza en que a nova dirección “saberá impulsar esta seguinte fase do CITENI”.
Pola súa banda, o investigador Francisco Javier González, vinculado á dirección técnica do centro durante os últimos anos, subliña tamén a importancia de continuar fortalecendo a capacidade operativa e a autonomía funcional do CITENI para responder con maior eficacia ás necesidades dos grupos de investigación.
O CITENI inicia así unha nova etapa dentro do Campus Industrial de Ferrol, orientada a reforzar o seu papel como centro de referencia en investigación aplicada, con especial atención ás tecnoloxías mariñas, a enerxía, os materiais avanzados e os retos asociados á sustentabilidade industrial.
María Belén Montero e a súa traxectoria investigadora
María Belén Montero é investigadora do CITENI desde 2004 e profesora titular da Universidade da Coruña desde 2019. Desenvolve a súa actividade científica no ámbito dos polímeros, biopolímeros e materiais sostibles, dentro do cal está especializada en materiais avanzados, reciclaxe e tecnoloxías de procesamento e caracterización.
Conta con 49 publicacións en revistas indexadas na base de datos Journal Citation Reports (JCR), 26 delas en publicacións do primeiro cuartil, máis de 1300 citas e un índice h de 22. Obtivo tres sexenios de investigación e cinco tramos de excelencia recoñecidos pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).
Participou como investigadora principal por parte da Universidade da Coruña no proxecto europeo Waste2BioComp (Horizonte Europa), integrado por unconsorcio de 13 organismos socios europeos e dotado con 5,8 millóns de euros de financiamento global. No marco desta iniciativa coordinou a participación do equipo da UDC e un dos paquetes de traballo do proxecto.
A súa traxectoria inclúe ademais colaboración con empresas do ámbito dos materiais, os plásticos e a economía circular mediante contratos de I+D e transferencia tecnolóxica, así como experiencia en coordinación académica e
formación investigadora.
No ámbito docente, acumula máis de 15 anos de experiencia en titulacións de grao, máster e doutoramento. Actualmente coordina o Máster en Tecnoloxías Téxtiles e Moda Sostible da UDC. Dirixe ademais o grupo de innovación docente FisTech, recoñecido como grupo consolidado pola Universidade da Coruña.
O seu perfil combina investigación, transferencia, experiencia internacional e xestión académica, cunha traxectoria orientada ao liderado científico e á coordinación de equipos multidisciplinares.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
