Moeche celebra a VIII Feira do Gando, que terá lugar o próximo domingo 14 de xuño, de 9 a 17 horas, consolidándose así como un dos eventos esperados do calendario local.

A cita, organizada coa colaboración dos gandeiros de Moeche e da contorna, servirá como punto de encontro para profesionais do sector, veciños e visitantes, con actividades pensadas para todos os públicos e para poñer en valor a vida e o traballo dun sector tan importante como o gandeiro.
Entre os alicientes desta edición atópanse os premios económicos para os gandeiros participantes. Recoñecerase a participación das manadas máis numerosas con premios de 150€ e 100€, e o público asistente terá de novo un papel protagonista á hora de elixir o seu favorito, cun premio de 100€ para o gañador do voto popular. Como novidade, o gando equino, que xa participou en edicións anteriores, incorporase este ano á categoría de premios. A xornada completarase con maquinaria agrícola, música e sorteos.
Lémbrase que está prohibida a entrada de gando bovino de fóra de Galicia e que é obriga portar a guía para o transporte do gando. O código de explotación do recinto feiral é o ES150490050401.
VI Concurso de Fotografía da Feira do Gando
A VIII Feira do Gando incluirá de novo a exposición do concurso de fotografía aberto a toda a cidadanía, co obxectivo de reflectir a riqueza visual e humana do mundo rural. As fotografías, das categorías Foto dunha Gandería, Foto da vida no rural e Foto da infancia no rural, estarán expostas na Nave do Mercado durante a feira, onde poderán ser contempladas polo público e valoradas por un xurado composto por persoas do ámbito veterinario, asociativo e do Consello Local da Infancia.
O tribunal outorgará un único premio por categoría, mentres que o público tamén poderá expresar a súa opinión a través dunha urna situada xunto á exposición e mediante a interacción coas imaxes na galería de Facebook do Concello de Moeche, onde o “gústame” tamén contará como voto. Todas as fotos estarán expostas sen o nome da persoa autora para manter a imparcialidade do xurado.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.