O Concello das Pontes informa sobre a apertura do prazo de inscrición para participar nas XXXVIII Acampadas Intermunicipais na Natureza Vilarbó 2026, unha iniciativa consolidada como unha das propostas estivais de referencia para a mocidade, centrada na convivencia, o lecer educativo e o contacto directo coa natureza.
As acampadas desenvolveranse na área natural de Vilarbó, situada no concello das Pontes, en pleno corazón das Fragas do Eume, un enclave natural privilexiado que ofrece un espazo seguro e idóneo para a práctica de actividades ao aire libre, a educación ambiental e o desenvolvemento persoal dos participantes.
O programa, organizado polo Concello das Pontes e coordinado tecnicamente por NEBOA, inclúe dúas modalidades adaptadas ás diferentes idades: campamento Multiaventura: do 3 ao 13 de xullo, dirixido a mozos de entre 12 e 17 anos e campamento Robinson: do 23 ao 30 de xullo, pensado para nenos de entre 7 e 11 anos.
Ao longo das distintas quendas, os participantes poderán gozar dunha ampla programación de actividades deportivas, de aventura e convivencia, deseñadas para fomentar valores como o compañeirismo, a autonomía persoal, o respecto polo medio ambiente e os hábitos de vida saudables.
As actividades inclúen propostas multiaventura, xogos cooperativos, dinámicas de grupo, rutas na natureza, actividades deportivas e talleres educativos, todo iso adaptado ás diferentes franxas de idade e desenvolvido baixo supervisión de persoal especializado.
A recollida e entrega das inscricións realizarase na casa do concello (parque municipal s/n).
O prazo de matrícula permanecerá aberto ata completar as prazas dispoñibles, polo que desde o Concello recoméndase formalizar a inscrición coa maior antelación posible.
As prazas son limitadas.
Máis información e documentación:
• Descargar folleto: DESCARGAR
• Descargar folla de inscrición: DESCARGAR
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


