Xan Morales
O ano 2011 foi clave no xornalismo dixital en Ferrolterra. Eu, xunto con outros colaboradores, experimentaba daquela nunha web, o programa de radio “voltaaria”, que levaba emitindo e dirixindo en Radio Fene dende 1996. Tiña o convencemento de que o xornalismo e a comunicación deberían desenvolverse en distintos soportes dixitais multimedia. Ese era o vieiro, e logo o tempo consolidou esa apreciación.
Puxemos en marcha voltaaria.com no ano 2010 e o portal medrou, considerablemente, convertíndose no medio de referencia do fútbol e do deporte comarcal. O portal creou os premios Voltaaria de fútbol que, ano tras ano, ao estilo dos “Óscar” entregábanse no pazo da Cultura de Narón ante 1.000 persoas, coa presenza de todos os alcaldes da nosa Bisbarra.
Moito choveu dende aquela.
Como consecuencia deste éxito naceu axogada.com, este último portal xornalístico comezou na nube en xullo do 2012, e logrou en pouco tempo máis de 2.000 visitantes únicos diarios, segundo datos de google analytics. O xornal dixital foi distinguido co premio Galicia de Xornalismo Deportivo 2014, no apartado de Internet pola calidade dos seus traballos xornalísticos. O premio otorgouno a Federación Galega de Prensa Deportiva. Foi o primeiro premio na modalidade de internet, hai xa 12 anos.
Todo isto serve de antecedente á chegada de Galicia Ártabra Dixital hai 15 anos. Pedro Sanz dirixía a radio “Galicia Ártabra” en Narón con notable éxito e posteriormente trasladou os estudos a rúa Coruña en Ferrol. Eu colaboraba nesa iniciativa.
A radio, por distintas cuestións, tiña problemas para continuar e Pedro solicitoume a miña opinión ao respecto. Eu non dubidei en recomendarlle a miña experiencia dixital. Transforma Galicia Ártabra Dixital nun xornal diario dixital, enfocado na comarca de Ferrolterra. Podo dicir que me fíxo caso. O resto é a realidade que xa coñecemos nos últimos 15 anos.
Este longo vieiro do xornal dixital é obra da constancia, do mérito e da perseverancia dun mestre de xornalistas, que sempre está ao timón, e que segue ao pé do cañón dende hai 60 anos, como él sempre nos lembra. Longa vida a Galicia Ártabra Dixital.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.