Militantes e simpatizantes socialistas compartiron hoxe un xantar en Esmelle, en Ferrol, para celebrar o Día das Letras Galegas. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou na primeira edición da Foliada das Letras, que o partido organizou para celebrar o 17 de maio e reivindicar a lingua.
No ano que se homenaxea a Begoña Caamaño, os socialistas elixiron para o encontro a parroquia ferrolá que asumiu como algo propio a coincidencia do seu topónimo co do universo literario tanto de Cunqueiro coma da autora de “Morgana en Esmelle”.
Xunto a Besteiro, participaron na festa, entre outros cargos públicos e do partido, a secretaria de Organización e deputada, Lara Méndez;a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; a deputada Maria del Carmen Adrio, os deputados autonómicos Silvia Longueira, Aitor Bouza, Carmen Rodríguez Dacosta e Julio Torrado, o secretario provincial da Coruña, Bernardo Fernández, o de Ourense, Álvaro Vila, o ferrolán, Ángel Mato.
Previamente, Besteiro asistiu á sesión extraordinaria da Real Academia Galega en Santiago. Desde alí valorou a figura de Caamaño. “Hoxe homenaxeamos á vez a unha escritora, a unha xornalista, a unha feminista e a unha loitadora. Foi todo iso sen ter que escoller”, afirmou.
“Reescribiu a Circe, a Penélope e a Morgana porque sabía que os mitos non son neutros, e que había que devolverlles a voz ás mulleres ás que lla tiñan negada”, sinalou. Lembrou tamén como o fixo: “En galego, e dende unha radio pública que ela quixo independente e crítica”. Ao fío diso, reclamoulle a Rueda que atenda esa reivindicación. Para o líder socialista, quedarse na etiqueta de autora homenaxeada sabe a pouco. “Reducila a iso queda curto”, dixo.
Por outra banda, o líder socialista reclamoulle á Xunta máis investimentos en política lingüística. “A diferencia do País Vasco, onde se invisten case 90 euros por habitante, ou Cataluña, con 35 euros, en Galicia investimos só 6 euros”, lamentou un Besteiro que chamou a “facer moito máis” en defensa do galego. “Hai que apostar polo galego de verdade, e iso vese nas contas”, apuntou.
A foliada puxo fin á programación da Semana das Letras que desenvolveu o PSdeG. O grupo musical e de danzas do Toxos e Froles de amenizar a festa, e Susi Sampedro e Antón Coucheiro puxeron a nota de humor co seu show “Improletras”.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
