O PSdeG pechará en Ferrol a Semana das Letras cunha foliada aberta á cidadanía no Día das Letras Galegas

O PSdeG celebrará este domingo en Ferrol o peche da súa programación da Semana das Letras cun acto festivo aberto á cidadanía no marco do 17 de Maio. A xornada terá lugar no Centro Social de Esmelle e contará coa participación do secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado de cargos públicos e orgánicos do partido tanto a nivel autonómico como local.

Baixo o nome de ‘Foliada das Letras’, a formación socialista propón unha celebración centrada na música tradicional, a gastronomía e a participación veciñal, nunha cita dedicada este ano á escritora, divulgadora e activista viguesa Begoña Caamaño.

O encontro comezará ás 12.00 horas cunha ofrenda a Xaime Quintanilla, primeiro alcalde socialista de Ferrol, asasinado durante a represión franquista en 1936. A continuación, celebrarase un xantar tipo pícnic compartido entre as persoas asistentes.

Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas, está prevista a actuación do grupo de gaitas e danza Toxos e Froles, seguido dun espectáculo do grupo Improletas, con Susi Sampedro e Antón Coucheiro. A xornada pecharase cunha pandeiretada final.

Desde a organización socialista destacan o carácter aberto da convocatoria, que non se limita á militancia do partido. “É unha invitación aberta á veciñanza, a todos os galegos e galegas. Non é un acto de partido. Quen queira vir é benvido”, sinalou a deputada Silvia Longueira.

No mesmo sentido, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, puxo o foco na defensa da lingua galega como eixo central da iniciativa. Lembrou que o galego “é unha lingua que falamos máis dun millón de persoas” e destacou a súa presenza en ámbitos como a ciencia, a universidade, a literatura, o audiovisual ou as redes sociais.

Méndez enmarcou ademais esta aposta lingüística nun modelo de convivencia plurilingüe que cualificou como “un éxito europeo”, defendendo que o socialismo é “o único partido que o defende sen complexos en Galicia, Cataluña e Euskadi”. Segundo explicou, fronte aos discursos de confrontación, o obxectivo do socialismo galego é o de reforzar a convivencia lingüística e cultural como base da democracia.

Lea también

Ferrol en Común en desacordo coa xestión das marquesiñas por parte do goberno local

«O fomento do transporte público pasa por ofrecer un servizo de calidade, o que inclúe …