A Deputación da Coruña celebra o éxito do Aldebarán Intasa San Sadurniño, que regresa á élite do voleibol nacional

A institución provincial destacou a traxectoria dun proxecto deportivo que leva máis de tres décadas facendo medrar o voleibol desde San Sadurniño.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, acompañados da deputada Cristina Rey e o deputado Evaristo Ben, recibiron no salón de plenos provincial ao Aldebarán Intasa San Sadurniño tras o seu ascenso á Superliga Masculina, a máxima categoría do voleibol nacional.

A Deputación trasladou a felicitación da provincia ao club por un fito deportivo que devolve a San Sadurniño á elite estatal e que confirma a forza dun proxecto construído desde a base e cunha traxectoria de máis de tres décadas impulsando a práctica do voleibol.

O Aldebarán acadou o ascenso tras unha brillante fase final da Superliga 2 nas Palmas de Gran Canaria, onde se proclamou subcampión e conseguiu o dereito a competir a vindeira tempada na máxima categoría. Un resultado que volve situar o nome de San Sadurniño e da provincia da Coruña no primeiro nivel do voleibol estatal.

Formoso destacou que o éxito do Aldebarán “é unha desas historias que explican moi ben por qué o deporte fainos grandes: un concello de arredor de menos de 3.000 habitantes, cun club que é capaz de competir cos mellores e de levar o nome de San Sadurniño por toda España”.

Neste sentido, subliñou o “orgullo” da Deputación de ter contribuído aos éxitos do club co apoio constante que a institución provincial vén prestando ao club.

Durante a recepción, Formoso desexou ao club sorte nesta nova etapa na Superliga Masculina e puxo en valor o traballo do equipo, do corpo técnico, da directiva e da afección.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, lembrou os éxitos acadados polas categorías inferiores da entidade, co equipo infantil masculino proclamado campión no Campionato Xunta de Galicia a principios de abril e co equipo benxamín tamén recentemente coroado campión galego. “Cando un club chega á máxima categoría nacional e, ao mesmo tempo, gaña títulos coa súa base, está claro que hai canteira e futuro”, subliñou.

Un club con historia e cun forte arraigo local

O Club Deportivo Aldebarán naceu oficialmente en 1992. Desde entón, a entidade converteuse nun dos grandes símbolos deportivos de San Sadurniño e nun exemplo de como o traballo de base, a continuidade e o compromiso da comunidade poden levar un proxecto local ata a elite.

Ao longo da súa traxectoria, o club consolidouse como unha referencia na Superliga 2 e asinou algúns dos maiores éxitos do voleibol galego recente, con títulos, subcampionatos e anteriores etapas na máxima categoría. O seu regreso á Superliga Masculina supón agora un novo capítulo para unha entidade que mantén como sinais de identidade a aposta polos xogadores da canteira e un gran apoio da súa afección.

Lea también

La colocación del campo de hierba natural del Racing de Ferrol en Mandiá entra en su fase final

La colocación de los tepes de césped natural ha comenzado y dará paso a la …