O Pavillón Campo da Serra de Narón convértese este domingo 17 de maio na capital galega do tenis de mesa coa celebración do XXXVII Campionato Galego Absoluto, unha cita que reunirá os mellores xogadores da comunidade a partir das 9.30 horas.
A competición está organizada pola Federación Galega de Tenis de Mesa coa colaboración do Club Tenis de Mesa Narón e do Padroado de Deportes. O campionato foi presentado este xoves polo concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do Club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero, que destacou a importancia de que Narón continúe acollendo eventos deportivos de primeiro nivel.
Montero agradeceu a implicación do Concello na organización desta competición remarcando que “o Concello de Narón sempre apoia este tipo de eventos deportivos, algo fundamental para que podamos seguir organizando campionatos de referencia e traer á cidade os mellores deportistas galegos”.
No campionato participarán un total de 44 xogadores: 32 na categoría masculina e 12 na feminina. Ademais dos representantes locais, o torneo reunirá deportistas procedentes de Pontevedra, Vigo, Lugo, Mos, Santiago de Compostela e Oroso, así como un deportista galego pertencente a un club das Illas Baleares.
Desde a organización salientaron o alto nivel competitivo do torneo, no que se darán cita algúns dos mellores xogadores e xogadoras do panorama autonómico, convertendo a competición nun importante escaparate para o tenis de mesa galego.
O edil de Deportes, Ibán Santalla, puxo en valor o traballo desenvolvido polo club local e destacou a relevancia de que Narón continúe sendo sede de eventos deportivos de carácter autonómico, tanto polo impacto deportivo como pola proxección da cidade e a actividade que xeran este tipo de competicións.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


