A SGHN de Ferrol acolle a conferencia «O bosque en miniatura: o fascinante mundo das briófitas»

Este venres 15 de maio ás 19:30 horas no Auditorio do Museo de Historia Natural de Ferrol terá lugar a conferencia «O bosque en miniatura: o fascinante mundo das briófitas» impartida por Teresa Boquete Seoane.

«As briófitas son o grupo máis antigo de plantas terrestres que existen na actualidade. Apareceron por primeira vez hai uns 500 millóns de anos, cando a vida comezaba a colonizar a terra, e preceden a todas as plantas e animais terrestres que coñecemos hoxe».

«Constitúen o segundo grupo de plantas máis diverso e inclúen tres liñaxes principais: os musgos, as hepáticas e os antocerotas».

«O seu pequeno tamaño fai que a miúdo pasen desapercibidas, pero desempeñan funcións ecolóxicas fundamentais, como a retención de auga, a fixación do carbono e o nitróxeno atmosféricos e a formación do solo».

«Aínda que son organismos estruturalmente sinxelos, as briófitas son extraordinariamente resistentes e versátiles, e conseguiron colonizar practicamente todos os ecosistemas do planeta, dende desertos e montañas ata bosques tropicais, coa única excepción do medio mariño».

Nesta charla, farase unha breve inmersión no fascinante mundo das briófitas, explorando aspectos clave da súa bioloxía e ecoloxía, e tamén examinando algúns dos seus usos e aplicacións. O obxectivo é destacar a súa beleza e importancia ecolóxica, e suscitar curiosidade e interese por un grupo de plantas tan antigas como sorprendentes.

Teresa Boquete Seoane é bióloga e doutora en Medio Ambiente e Recursos Naturais pola Universidade de Santiago de Compostela, onde realizou a tese de doutoramento sobre o uso dos musgos terrestres como biomonitores da contaminación do aire. Despois de estancias en EEUU, Italia e varios lugares de España, actualmente é investigadora Ramón y Cajal na Universidade Autónoma de Madrid, onde combina a docencia en cursos de grao e mestrado coa investigación sobre a reprodución e a ecoloxía dos musgos terrestres.

Lea también

Galeatro abrirá el próximo 21 de agosto en Muxía el proyecto ‘Os Muíños no camiño’

Galeatro lanza este mes su proyecto ‘Os muíños no camiño’, una iniciativa que mezcla las …