Valentín González Formoso visita nas Pontes a recta final das obras de mellora da rúa Anduriñas

O Concello de As Pontes encara a recta final das obras de mellora da pavimentación e dos servizos na rúa Anduriñas, unha actuación que tamén incluíu o traslado da marquesiña á rúa Camelias.

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou recentemente os traballos para comprobar o avance dunha intervención que supón un investimento de 223.349 euros, financiado con cargo á Deputación da Coruña.

A actuación permitiu a renovación integral da calzada e das beirarrúas deste viario co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade urbana da contorna. Para iso, unificouse a cota da rúa e definiuse un único sentido de circulación, habilitando ademais espazo para estacionamento na marxe dereita en sentido da marcha.

As distintas zonas de circulación diferenciáronse mediante o uso de pavimentos específicos, empregándose baldosa de formigón prefabricado nas bandas laterais destinadas ao tránsito peonil e lastras de formigón na calzada central reservada ao tráfico rodado.

O proxecto incluíu tamén a renovación da antiga rede unitaria de saneamento, substituída agora por unha rede separativa de augas residuais e pluviais con colectores de PVC. Do mesmo xeito, renovouse a canalización do alumeado público municipal coa instalación de novas columnas e luminarias LED dispostas a tresbolillo, mellorando así a eficiencia enerxética e a iluminación da zona.

As obras complétanse coa instalación de novo mobiliario urbano, como bancos, papeleiras e xardineiras, así como coa reposición da sinalización viaria correspondente, traballos que se executarán nos vindeiros días antes da finalización definitiva da actuación.

Durante a visita, Valentín González Formoso destacou a importancia desta intervención para seguir avanzando na modernización dos espazos públicos e na mellora dos servizos municipais, ao tempo que agradeceu a colaboración e comprensión da veciñanza polas molestias ocasionadas ao longo da execución das obras.

Lea también

Cabanas refuerza su plantilla de Policía Local

El Concello de Cabanas incorpora nuevos auxiliares de policía local para reforzar el cuerpo durante …