Moeche celebra a undécima edición da carreira popular

Unha cita clásica no calendario deportivo amador da comarca que presenta a partir das 11:00 horas do 31 de maio percorridos para todas as idades, desde os escasos 75 metros que correrá a rapazada máis pequena até os 6,5 quilómetros do trazado deseñado para a rolda absoluta.

Fuente Concello Moeche

As inscricións na proba, coa que se pretenden fomentar os hábitos saudables, seguen abertas ata o 27 de maio a través da web www.carreirasgalegas.com onde tamén se pode descargar o regulamento e toda a información sobre o desenvolvemento da carreira.

A XI Carreira Popular de Moeche comeza co apartado de Pitufos —nenos nados nos anos 2021, 2022 e 2023— sobre unha distancia de 75 metros en liña recta na explanada da feira. A partir de aí irán dándose saídas cada dez minutos ás demais categorías, todas elas para menores de idade e con inscrición gratuíta. Gran parte da carreira discorrerá polas rúas interiores do recinto feiral e tamén polas da zona urbana de San Ramón no caso das competicións de maior idade.

A proba absoluta será a última con 6,5 quilómetros por diante e un trazado con saída e chegada tamén na feira, pero ampliado tanto ao centro urbano como a zonas dos arredores como son os lugares da Casabranca. Nela poderán participar mulleres e homes encadrados nas categorías Sub 20, Sub 23, Senior —persoas nacidas entre 1992 e 2003—, Máster 1 —do 1986 ao 1991—, Máster 2 —nadas do 1976 ao 1985—, Máster 3 —nadas entre 1966 e 1975— e Máster 4 —nados no ano 1965 e anteriores—, que teñen unha cota de inscrición de 5 €.

Aínda que a XI Carreira Popular de Moeche volverá ser unha festa do deporte ao aire libre concibida para facer exercicio e pasalo ben, deixando nun segundo plano a parte competitiva, tamén haberá premios simbólicos: toda a rapazada levará medalla, quede no posto que quede, e nas demais categorías concederanse tres trofeos e outros tantos queixos doados por Lácteos Moeche, tanto en feminino como en masculino.

A organización tamén reserva un trofeo para as persoas empadroadas no concello que rexistren os mellores tempos en categoría absoluta —o mellor modestino e a mellor modestina—, así como un vale de dúas sesións de fisioterapia para o corredor e a corredora de máis idade.

Todos os aspectos organizativos e loxísticos da popular modestina poden consultarse na web www.carreirasgalegas.com a través da que se deberá facer obrigatoriamente a inscrición e efectuar o pagamento dos 5 € en concepto de participación na carreira absoluta. A inscrición inclúe a cobertura do seguro, o avituallamento, duchas no pavillón municipal, o gardarroupa e o agasallo de recordo da proba. O último día para apuntarse é o 27 de maio ás 23:59 horas. Por motivos organizativos estableceuse un límite de 500 persoas.

A XI Carreira Popular de Moeche está organizada polo Concello de Moeche coa colaboración de colectivos veciñais —A.VV. Labacengos e A.VV. Val de Moeche—, da Deputación da Coruña, de Protección Civil e do Xeoparque Cabo Ortegal. Ademais de Lácteos Moeche e FisiocheBen, tamén axudan co avituallamento A Tenda de Iria e A Tendiña de Moeche. A proba está incluída no XII Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña e no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo.

Lea también

240 deportistas se dan cita en Valdoviño en la IX Volta ás Forcadas

La recogida de dorsales podrá realizarse dende las 10:00 horas en el punto habilitado junto …