A Deputación de A Coruña celebra 25 anos de inclusión no deporte con Special Olympics Galicia

Antonio Leira e Eladio Fernández asinan o convenio polo que a institución provincial achega 25.000 euros para apoiar as actividades conmemorativas do aniversario da entidade. Special Olympics Galicia naceu no ano 2000 impulsada por 17 entidades galegas para promover a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte, a cultura e o lecer.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, e o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, asinan convenio de colaboración polo que a Deputación da Coruña achega 25.000 euros para cofinanciar as actividades conmemorativas do 25 aniversario da entidade.

Baixo o lema “25 anos de inclusión no deporte” a Deputación súmase á celebración da traxectoria de Special Olympics Galicia, unha entidade sen ánimo de lucro formada por pais, nais, profesionais e amizades de persoas con discapacidade intelectual, que leva desde o ano 2000 promovendo a súa participación plena na vida comunitaria a través da práctica deportiva, a cultura, o lecer e a convivencia.

Antonio Leira destacou que “Special Olympics Galicia leva 25 anos demostrando que o deporte é moito máis que competición. É saúde, compañeirismo, autonomía e tamén unha maneira moi poderosa de apostar pola inclusión”.

O deputado subliñou que “detrás destes 25 anos hai moitas familias e moitos deportistas que abriron camiño e axudaron a facer unha sociedade máis xusta e máis inclusiva”.

O convenio permite apoiar a organización das actividades do aniversario, cunha achega provincial de 25.000 euros destinada a financiar accións como a difusión da celebración, a edición dun libro sobre a traxectoria da entidade e outros materiais.

A celebración do 25 aniversario ten como obxectivo render homenaxe á traxectoria de loita, dedicación e implicación de Special Olympics Galicia na visibilización das persoas con discapacidade intelectual, do voluntariado e das entidades que traballan a prol da inclusión.

Special Olympics Galicia organiza e coordina cada ano un amplo programa de actividades deportivas, lúdicas e culturais nas que participan persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia. Entre elas figuran disciplinas como o ciclismo, a natación ou o atletismo, ademais de representacións teatrais, actividades de voluntariado e participación en encontros de ámbito provincial, autonómico, estatal e internacional.

Desde a entidade destacan que a práctica deportiva ten un valor especialmente importante para as persoas con discapacidade intelectual, xa que contribúe ao seu benestar físico e mental, fortalece a autoestima, favorece o desenvolvemento persoal e axuda a poñer o foco nas súas capacidades, rachando estereotipos e barreiras sociais.

Lea también

El Natación Ferrol conquista el Campeonato gallego alevín tras una brillante actuación en Pontevedra

El Club Natación Ferrol firmó este fin de semana uno de los mayores éxitos de …