A Deputación da Coruña apoia “Unha viaxe solidaria e creativa cara á vida” a favor de Tierra de Hombre

A Deputación apoia a exposición “Unha viaxe solidaria e creativa cara á vida”, que reúne obras de 56 artistas a favor de Tierra de Hombres. Rosa Ana García participou na inauguración da mostra, que poderá visitarse na sede de Afundación da Coruña ata o 30 de maio. A deputada destacou a colaboración da institución provincial co programa “Viaxe cara á Vida”, que facilita tratamento médico en Galicia a nenos con enfermidades graves que non poden ser atendidas nos seus países de orixe.

Fuente AFundación

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou na sede de Afundación da Coruña na inauguración da quinta edición da exposición “Unha viaxe solidaria e creativa cara á vida”, unha mostra promovida a favor da ONG Tierra de Hombres e dos dereitos da infancia.

A exposición reúne obras doadas por 56 artistas plásticos, baixo a coordinación de Francis Marrouch, co obxectivo de recadar fondos para apoiar o programa “Viaxe cara á Vida”, que permite que nenos e nenas de países africanos con enfermidades graves, pero curables, poidan recibir tratamento médico en Galicia.

Durante a súa intervención, Rosa Ana García destacou que para a Deputación “é unha gran satisfacción participar nesta inauguración, porque desde hai décadas, a través dos nosos programas de cooperación internacional, colaboramos estreitamente con Tierra de Hombres e co seu programa ‘Viaxe cara á Vida’”.

A deputada lembrou que esta iniciativa “trae cada ano a Galicia a nenos e nenas que precisan ser tratados ou operados de enfermidades que non poden ser atendidas nos seus países de orixe por falta de medios, de persoal médico ou de recursos sanitarios e económicos”.

García puxo en valor o papel da cultura como ferramenta de solidariedade e transformación social. “Esta exposición é un exemplo perfecto de como a arte tamén pode axudar a cambiar realidades. Grazas á xenerosidade destes creadores e creadoras, cada obra convértese nun pequeno xesto capaz de abrir unha oportunidade de saúde e de futuro para a infancia máis vulnerable”, afirmou.

A deputada tamén salientou “a cadea humana” que fai posible o programa, formada polos hospitais, nomeadamente o Hospital Materno Infantil e o CHUAC da Coruña, o persoal sanitario, o voluntariado de Tierra de Hombres, as familias de acollida e o colectivo de artistas que participa nesta iniciativa solidaria.

“Sen todos eles, este milagre diario non sería posible”, afirmou Rosa Ana García, que animou á cidadanía a achegarse á exposición e colaborar coa causa.

A mostra “Unha viaxe solidaria e creativa cara á vida” poderá visitarse na sede de Afundación da Coruña ata o 30 de maio. O recadado coa venda das obras destinarase ao apoio dos programas de Tierra de Hombres en defensa da infancia e, especialmente, ao financiamento dos tratamentos médicos incluídos no programa “Viaxe cara á Vida”.

Lea también

Fangoria, Bombai y Yoly Saa abrirán las fiestas de verano de Ferrol con un gran concierto en la Praza de Armas

Las fiestas de verano de Ferrol 2026 arrancarán el próximo 21 de agosto con un …