O vindeiro sábado 6 de xuño, o municipio acolle o I Encontro de Xigantes e Cabezudos, unha iniciativa que devolverá o brillo ás rúas do casco vello.
A Asociación Cultural, Deportiva e Gastronómica Piruchela dálle un impulso definitivo á memoria histórica e festiva de Neda. A entidade presenta a iniciativa coa que pretende recuperar a tradición dos xigantes e cabezudos, unha estampa habitual no concello ata a década dos corenta e que levaba décadas desaparecida.
Para celebralo, a asociación organiza o I Encontro de Xigantes e Cabezudos o vindeiro sábado 6 de xuño. Este evento contará coa colaboración activa do Concello de Neda, así como coa participación de outros municipios con tradición e diversas asociacións culturais e musicais de toda Galicia.
Unha creación artesá e propia
O proxecto non se limita só á organización do evento, senón que ten unha fonda raíz artesanal. Desde o pasado Nadal, os membros da Asociación Piruchela traballan na elaboración manual dos seus propios cabezudos, tarefa que seguen a desenvolver na actualidade para estrear moitos deles nese día. A organización confirmou que contará coa presenza de, polo menos, 30 cabezudos e xigantes vidos de diferentes localizacións.
Localizacións e próximos anuncios
Aínda que o programa detallado se dará a coñecer nos vindeiros días coa presentación do cartel definitivo, a organización adiantou que os actos principais se desenvolverán en dous escenarios emblemáticos: a Casa das Palmeiras e as rúas do casco vello de Neda.
Con este encontro, Neda volve conectar co seu pasado para ofrecer unha xornada de lecer familiar e posta en valor do patrimonio inmaterial galego.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
