Equiocio Ferrol e Turismo de Galicia ultiman a 35 edición do certame

Coa vista posta na 35 edición de Equiocio Ferrol, o presidente do comité organizador, Ricardo Pérez Lama, xunto á directora, Ana Pérez Lago, e o director deportivo, Federico Pérez Lago, mantiñan unha reunión de traballo co director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, na que tamén tomou parte a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

O encontro permitiu abordar os principais eixos estratéxicos desta edición especial, que se celebrará no campo das Cabazas do 6 ao 9 de agosto, e que está chamada a reforzar o posicionamento do certame como un dos grandes eventos de deporte, turismo, cultura e lecer familiar de Galicia.

Durante a reunión analizáronse os datos de impacto turístico, económico e social xerados por Equiocio Ferrol ao longo das súas máis de tres décadas de historia, así como as novas liñas de crecemento e proxección do evento de cara a esta 35 edición. O certame supera xa de maneira estable os 25.000 visitantes, reúne arredor de 300 deportistas e máis de 250 cabalos, e xera un importante retorno económico directo para a comarca, consolidándose como un auténtico motor turístico e económico para Ferrolterra.

A dirección de Equiocio Ferrol trasladou tamén á Axencia Turismo de Galicia a importancia do evento como ferramenta de promoción do territorio e do Xeodestino Ferrolterra, tanto a través da presenza de visitantes nacionais e internacionais como mediante a difusión orgánica xerada en redes sociais por deportistas, equipos e acompañantes, que converten a comarca nun escaparate turístico de enorme valor.

TURISMO ACTIVO E SOSTIBLE

Neste contexto, unha das cuestións abordadas foi o papel de Equiocio Ferrol como plataforma de promoción do Camiño Inglés e da oferta de turismo activo e sostible de Ferrolterra, especialmente nun horizonte marcado polo próximo Ano Xacobeo 2027. A conexión do certame coa natureza, o deporte ao aire libre, a cultura e a identidade do territorio converten ao evento nun aliado estratéxico para a proxección turística de Galicia.

Ao longo da reunión púxose tamén en valor o modelo diferencial de Equiocio Ferrol, pioneiro en combinar competición ecuestre de máximo nivel cunha programación transversal que integra cultura, gastronomía, sostibilidade, inclusión social e actividades para toda a familia. Unha fórmula consolidada ao longo de máis de tres décadas e que hoxe sitúa ao evento como referente no Noroeste peninsular.

APOIO DO CONCELLO DE FERROL

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, que non puido asistir ao encontro por motivos de axenda, quixo tamén trasladar o seu apoio ao proxecto e á celebración desta 35 edición: “Equiocio Ferrol é unha das grandes citas do calendario social, deportivo e turístico da cidade, e un exemplo de como a colaboración entre institucións, organización e tecido social pode converter un evento nun auténtico motor de dinamización para toda a comarca”, sinalou o rexedor.

“Falamos dun proxecto que leva máis de tres décadas proxectando a imaxe de Ferrol dentro e fóra de Galicia, xerando actividade económica, promovendo hábitos saudables, visibilizando o noso patrimonio natural e cultural e reforzando a posición da cidade como destino capaz de albergar eventos de primeiro nivel. Dende o Concello seguiremos apoiando unha iniciativa que forma parte xa da identidade de Ferrol e que representa á perfección valores como a convivencia, a sustentabilidade, o deporte e o orgullo de territorio”, apuntaba.

A Xunta de Galicia trasladou o seu apoio á evolución e crecemento do certame, destacando o valor que achega a Equiocio Ferrol tanto para a promoción turística da comunidade como para a dinamización económica e social da comarca. Así mesmo, ambas partes coincidiron na importancia de continuar fortalecendo a colaboración institucional de cara a esta edición tan simbólica e aos próximos anos.

Equiocio Ferrol celebrará este 2026 a súa 35 edición consolidado como moito máis ca un concurso hípico: un proxecto de territorio, un espazo de encontro social e unha ferramenta de promoción turística e cultural ao servizo de Ferrol, Ferrolterra e Galicia.

Lea también

Porta Máxica regresa este fin de semana para convertir Ferrol en la capital del ilusionismo

El Festival Porta Máxica celebrará este fin de semana su quinta edición con una programación …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *