Atendendo ás peticións realizadas por particulares e por algún club, o Concello amplía ata o vindeiro martes 12 de maio, o prazo para a presentación de candidaturas para a XXIV Gala do deporte de Neda. As propostas deberán ter en conta e achegar os resultados oficiais obtidos na tempada 2024-2025.
Co ánimo de facilitar ao máximo a participación, o goberno local ofrece este prazo adicional de tempo para que calquera persoa física ou xurídica, asociacións, centros educativos, entidades públicas e privadas relacionadas coa actividade física e co deporte propoñan ao Concello nomes de deportistas locais de calquera disciplina que, á vista dos seus logros na citada tempada, merezan un recoñecemento público.
Como vén sendo habitual, na gala do deporte nedense distinguirase ao mellor ou á mellor deportista da localidade, así como ás mellores promesas masculinas e femininas (menores de idade con opcións a converterse en grandes deportistas).
Ademais, segundo consta nas bases da convocatoria, poderá haber mencións especiais para “equipos, adestradores, directivos, entidades públicas ou privadas, eagrupacións” que sobresaian polo seu labor de promoción, apoio e desenvolvemento do deporte.
Na web municipal pode descararse o modelo oficial de instancia, que deberá presentarse debidamente cuberto no rexistro oficial do Concello, de forma presencial ou a través da sede electrónica. Poden optar ás distincións deportistas federados/as que residan en Neda ou con algún tipo de vínculo co municipio.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

