Últimos días para anotarse no taller intensivo de interpretación que terá lugar este sábado na Casa da Cultura de Neda. A masterclass de iniciación ao teatro, froito da colaboración do Concello e da Deputación, busca achegar as artes escénicas á cidadanía.
A iniciativa, dirixida ao público de 16 anos en diante, estará impartida polo actor, director e dramaturgo Juan Anillo, e máis polo especialista en teatro clásico Nortan Palacio, dous profesionais cunha ampla traxectoria no eido da interpretación.
O taller da formación teatral, que manterá aberta a inscrición na biblioteca municipal de Neda (teléfono 981390233) en tanto quede algunha praza vacante, ofrece unha aproximación práctica ao feito escénico.
Así, durante a sesión, que se desenvolverá entre as 10 e as 17 horas, traballaranse aspectos como a voz, a expresión corporal, o uso do espazo, a improvisación ou a xestión emocional. A masterclass busca non só introducir as persoas participantes no mundo da interpretación, senón tamén fortalecer habilidades como a comunicación, a creatividade, a confianza persoal ou a capacidade de relación.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
