O candidato á alcaldía polo BNG e actual concelleiro Geno Carballeira, e a concelleira Bea Mosquera, xunto á responsábel local Marta Grandal¸ao deputado no Parlamento Galego Xosé Manuel Golpe, e a responsábel comarcal Pilar Lozano, mantiveron unha reunión co ANPA do CEIP A Solaina de Narón para abordar a crítica situación das instalacións do centro escolar.
Nesta reunión os membros do BNG puideron constatar o estado de abandono no que se atopa este centro inaugurado hai máis de 40 anos e no que nunca se fixo ningún tipo de actuación, son unhas instalacións que non recibiron ningún tipo de mellora significativa desde a sua construción.
“Non se pode xogar coa saúde do noso futuro. É inadmisíbel que no 2026 un centro educativo con mais de 300 alumnos e alumnas estes pasen xornadas entre manchas de mofo e fiestras que filtran o frío, con pingueiras nas aulas, con baños sen portas….”, declara Geno Carballeira, “o BNG non imos permitir que as infraestruturas educativas de Narón sexan de segunda categoría, o investimento nunha reforma integral non é un gasto, é unha débeda histórica con este barrio e coas súas familias”, incide Carballeira.
O BNG comprometeuse a levar estas demandas ao Parlamento de Galiza e a facer o propio no concello, esixindo á Xunta unha reforma integral urxente do CEIP, incluíndo a retirada do amianto do tellado, para garantir a seguridade e a calidade educativa no centro; e ao concello a que cumpra coa súa parte nas competencias que lle corresponden e ao mesmo tempo que sexa intermediario entre as familias e usuarias do centro, esixíndolle á Xunta esta reforma.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
