A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado de Cultura, Marián Ferreiro, deu a coñecer este lúns o programa dos Maios 2026, unha das celebracións máis enraizadas no calendario cultural do municipio, que terá lugar este próximo sábado 9 de maio con actividades repartidas entre Piñeiros e a Praza de Galicia.

A cita, organizada polo Padroado de Cultura municipal xunto coa Sociedade Cultural Areosa, aposta pola tradición e a participación veciñal cun toque contemporáneo, coa praza de Galicia como epicentro da celebración.
A xornada comezará cedo, ás 11:00 horas, coa confección dunha alfombra floral participativa, deseño do artista Leandro Lamas, que se realizará na propia praza. Xa pola tarde, ás 16:30, reuniránse en Piñeiros os maios elaborados polas asociacións do concello. Dende alí partirán acompañados polos grupos etnográficos do Padroado, nun percorrido que culminará na Praza de Galicia arredor das 18:00 horas.

Unha vez na praza, principirán os xogos florais, con actuacións dos grupos das Escolas Culturais municipais e a exposición das creacións florais. Nesta edición, recrearase a danza de arcos tradicional deste tipo de celebracións. O ramo a esta xornada porallo ás 20:00 horas a Compañía Nimú e o seu espectáculo Pausa, unha proposta de teatro-circo pensada para atraer a públicos diversos e ampliar o alcance das artes escénicas.
A celebración dos maios en Narón non se limita a un só día. Durante toda esta semana desenvólvense obradoiros en colexios e entidades veciñais, nos que participarán arredor de 600 nenos e nenas de infantil e primeiros cursos de primaria de nove centros do municipio. Os traballos resultantes poderán verse expostos na Praza de Galicia ao longo da xornada festiva. Ferreiro subliñou o valor desta celebración como un espazo de encontro que reforza os lazos entre asociación culturais e veciñanza, mantendo viva unha tradición de fondo carácter comunitario como é a festa dos maios.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.