Apertura de inscrición nas Pontes dos campamentos urbanos de verán

O Concello das Pontes, a través do Centro de Información á Muller (CIM), abre este 5 de maio o prazo de inscrición para participar nos Campamentos Urbanos de Verán 2026, unha iniciativa destinada a ofrecer actividades lúdico-educativas ás crianzas do municipio durante os períodos de vacacións escolares, favorecendo a conciliación da vida familiar e laboral.

A programación desenvolverase do 22 ao 30 de xuño, durante os meses de xullo e agosto, e do 1 ao 9 de setembro, en días laborables. No caso do mes de setembro, as datas poderán ser modificadas en función do calendario oficial do curso escolar 2026-2027 que estableza a Xunta de Galicia. Os campamentos contarán con dúas opcións horarias: de 8:00 a 14:30 horas, con posibilidade de servizo de almorzo, e de 10:00 a 14:30 horas. As actividades desenvolveranse no CEIP A Magdalena e incluirán propostas educativas, deportivas e de lecer adaptadas a cada idade.

Os obradoiros están dirixidos ás crianzas nadas entre 2014 e 2022, podendo participar tamén menores con discapacidade igual ou superior ao 33% que superen o límite de idade, ata un máximo de 14 anos ou no ano no que o/a menor cumpra esa idade, sempre que exista informe que acredite a súa capacidade de integración no grupo. O programa oferta 30 prazas nos meses de xuño e setembro e 70 prazas nos meses de xullo e agosto. Para a realización da actividade será necesario un mínimo de 10 inscricións por quenda. Durante xullo e agosto, as familias poderán solicitar a participación por mes completo ou por quincenas.

O prazo de inscrición permanecerá aberto do 5 ao 25 de maio. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Municipal, previa cita, en horario de 8:30 a 13:30 horas, ou a través da sede electrónica municipal, desde o 5 de maio ás 00:00 horas ata o 25 de maio ás 14:00 horas. As persoas solicitantes deberán estar empadroadas no Concello das Pontes con anterioridade á data da convocatoria, tanto os proxenitores ou titores como os menores participantes.

A documentación requirida inclúe, entre outros, libro de familia e DNI no caso de primeira inscrición, certificado de empadroamento ou autorización para a súa comprobación, declaración da renda 2025 ou xustificante de non ter obriga de presentala, certificados de empresa que acrediten a situación laboral e a non coincidencia con períodos de vacacións ou último recibo de autónomos no seu caso, así como documentación acreditativa das situacións baremables.

A adxudicación das prazas realizarase conforme ás bases da convocatoria: adxudicación directa cando o número de solicitudes non supere o das prazas ofertadas ou, no caso contrario, mediante baremo. Darase prioridade ás familias con ingresos non superiores a 6,5 veces o IPREM 2026, incrementado nun 15% no caso de familias monomarentais, monoparentais ou numerosas.

Ademais, valoraranse criterios como a situación laboral, monoparentalidade, número de menores solicitantes, condición de familia numerosa, discapacidade na unidade familiar, renda familiar ou situacións de violencia de xénero, entre outros. En caso de empate, recorrerase a un sorteo público.

A listaxe provisional de persoas admitidas publicarase no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web municipal www.aspontes.org, concedéndose un prazo de 3 días hábiles para a presentación de reclamacións. Posteriormente publicarase a listaxe definitiva e, de ser o caso, a lista de agarda.

A cota de inscrición establécese en 10 euros por menor para os meses de xuño e setembro e 40 euros por menor para os meses completos de xullo e agosto ou por quincenas.

Bases: VER

Ficha inscrición: DESCARGAR

Lea también

A Deputación da Coruña formaliza por case 400.000€ o contrato para a musealización do mosteiro de Caaveiro

O reponsábel de Patrimonio, Xosé Penas, destaca o compromiso da Deputación coa protección e valorización …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *